Monforte incrementa os premios do Entroido ata os 25.000 euros

O Concello anima á participación nos concursos de Compadres, Comadres e o Desfile de Entroido, que repartirán máis premios que nunca

Xa está aberto o prazo de inscrición nos diversos concursos que con motivo do Entroido organiza o concello monfortino. Foto Entroido 2024 Montero.

O Concello de Monforte aprobou o pasado luns, 10 de febreiro as bases para o Entroido 2025. A publicación das bases e dos formularios de inscrición na páxina web municipal permitirá que os interesados participen nos tradicionais concursos de Xoves de Compadres, Xoves de Comadres e o Desfile do Martes de Entroido.
Neste ano, o Concello decidiu incrementar a partida destinada aos premios en 4.000 euros, alcanzando un total de 25.000 euros, o que representa un aumento do 19% respecto ao ano anterior e do 39% en relación co 2023. O alcalde, José Tomé Roca, destacou que este incremento busca fomentar a participación e contribuír ao éxito do Entroido, subliñando que se trata da maior partida económica asignada a estes concursos durante o seu mandato. O aumento afectará a todas as categorías, especialmente en carrozas e comparsas.
Os primeiros eventos do calendario serán o Xoves de Compadres, o 20 de febreiro, seguido do Xoves de Comadres, o 27 de febreiro. O Martes de Entroido, o 4 de marzo, terá lugar o tradicional Desfile de Comparsas e Disfraces, mentres que o Enterro da Sardiña pechará as festividades o 5 de marzo.
Para os concursos de Xoves de Compadres e Xoves de Comadres, establecéronse tres modalidades: centros de ensino, parroquias, barrios e rúas do Concello, e unha categoría individual, que se celebrará na Praza de España. A avaliación terá en conta a orixinalidade, a montaxe, o interese etnográfico e a crítica social. A puntuación asignada aos diferentes aspectos será variable, entre o 10% e o 25% do total.
Os premios en cada categoría estarán dotados con até 2.000 euros. Na categoría individual, o primeiro premio será de 100 euros, o segundo de 75 euros e un accésit de 50 euros. Nos colectivos, os premios oscilarán entre os 150 e os 75 euros, ademais de outorgar premios especiais á etnografía e á crítica social, ambos de 150 euros.
O prazo de inscrición para o Xoves de Compadres rematará o 19 de febreiro ás 14:00 horas, e para o Xoves de Comadres o 27 de febreiro á mesma hora. As inscricións poderán realizarse tanto no Rexistro Xeral do Concello como a través da Sede Electrónica.
O Martes de Entroido, 4 de marzo, terá lugar o Desfile de Comparsas e Disfraces, con premios diferenciados para participantes de Monforte e de fóra do municipio. O Concello destinará 17.850 euros para os grupos locais e 3.150 euros para os forasteiros, un incremento do 19% e 36% respectivamente con respecto ao ano anterior. As comparsas que teñan máis de 90 compoñentes poderán optar a un primeiro premio de 1.500 euros, mentres que as de fóra de Monforte optarán a premios de até 600 euros. Tamén se entregarán premios especiais de 300 euros ás mellores comparsas tradicionais, mellor posta en escena, mellor crítica de actualidade, mellor humor e mellor música en vivo.
O desfile comezará ás 17:00 horas na Praza da Estación, percorrendo as rúas Calvo Sotelo, Roberto Baamonde e Cardeal Rodrigo de Castro, e rematará na Praza da Compañía. A valoración das comparsas terá lugar desde as 16:00 horas, e os disfraces individuais deberán presentarse ás 16:30 horas na Praza da Estación.
O alcalde, José Tomé, animou á participación tanto da veciñanza de Monforte como de colectivos doutros concellos, resaltando o esforzo do goberno local para consolidar o Entroido monfortino como unha das festas máis relevantes da Ribeira Sacra.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Entroido 2025 Pantón

Seguinte Nova

Mellora da eficiencia enerxética na Casa da Cultura de Monforte

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss