A construción dunha praia fluvial no río Mao e a creación de solo industrial, entre as principais iniciativas abordadas

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, reuniuse co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para tratar os principais proxectos de futuro do municipio. O encontro celebrouse no despacho do mandatario galego en San Caetano, Santiago de Compostela, e permitiu avanzar en diversas iniciativas estratéxicas para a localidade.
Entre os temas destacados estivo a construción dunha praia fluvial no río Mao, proxecto que se prevé emprazar nun espazo que o presidente da Xunta puido visitar na súa última estadía en Bóveda. Ademais, abordouse a crecente demanda de solo industrial no concello, analizando as posibilidades de ampliación para satisfacer as necesidades empresariais da zona.
Outro dos puntos tratados foi a aula forestal do viveiro dos Trollos, un espazo educativo para o cal o Goberno local conta co apoio da Xunta a través de diferentes liñas de axudas. O alcalde, José Manuel Arias, agradeceu a boa disposición do presidente autonómico para colaborar nestes proxectos e expresou o seu desexo de que pronto se convertan en realidade.
José Manuel Arias destacou o compromiso continuado da Xunta de Galicia coas iniciativas expostas polo concello e sinalou que esta reunión forma parte dunha serie de encontros que iniciou este ano co obxectivo de conseguir apoios e financiación doutras administracións para impulsar o desenvolvemento de Bóveda.•