Os nacionalistas esixen un reforzo de recursos no hospital comarcal e na atención primaria e a Xunta anuncia un investimento de preto de 1 millón de euros nas obras da nova área de pneumoloxía e dixestivo do Hospital Comarcal de Monforte

A entrada principal do hospital comarcal de Monforte foi escenario dunha concentración convocada polo BNG, á que asistiron preto de cen persoas. A mobilización estivo presidida polos Deputados do teritorio e da área de sanidade no Parlamento de Galicia Iago Suárez, Montse Prado e Iria Carreira, que criticaron o proceso de desmantelamento da sanidade pública para afortalar a privada cun uso de fondos públicos. Denunciaran que este modelo favorece un sistema sanitario accesible só para quen poida permitilo, no que se desmantelan servizos públicos básicos como a sanidade.
A responsable comarcal do BNG, Rosana Prieto Florines, deulle lectura a un comunicado no que demandou a mellora dos recursos humanos e materiais do hospital comarcal, así como o reforzo do persoal da atención primaria e das especialidades. Na súa intervención, Prieto Florines destacou que as mobilizacións non cesarán ata que o Goberno galego tome conciencia da súa responsabilidade na recuperación de servizos de saúde para a comarca.
A concentración tamén contou coa presenza de destacados cargos institucionais do BNG no sur da provincia, como o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e o segundo tenente de alcalde de Quiroga, Xosé Manuel Fernández. Estes manifestaron a súa preocupación pola situación crítica da sanidade pública na comarca, sinalando que as deficiencias do sistema se evidencian na falta de equipamentos como o mamógrafo, que xa foi denunciado polo sindicato CIG, e que durante a última semana obrigou a derivar ás pacientes a Lugo para realizar as probas.
A acción do BNG tamén se presentou como unha resposta á recente revelación de que o mamógrafo no hospital de Monforte estaba en mal estado, situación que, segundo os mobilizados, podería ter pasado desapercibida se non fose pola denuncia pública realizada polo sindicato CIG. Ante este panorama, o BNG subliñou que a loita continuará para garantir a calidade e universalidade do sistema sanitario público.
INVESTIMENTO DA XUNTA DE GALICIA NO HOSPITAL DE MONFORTE
Pola súa parte, o Goberno galego vén de anunciar que investirá case un millón de euros en novas obras para o hospital comarcal de Monforte, que inclúen a creación dunha área de pneumoloxía e dixestivo. O contrato para a realización das obras foi adxudicado á empresa Proyecom Galicia, S.A., por un importe de 978.750,85 euros. Estas obras están previstas para comezar nas próximas semanas, cun prazo de execución de seis meses.•