
O BNG de Monforte critica a falta de respostas do goberno municipal ante a deterioración do depósito de auga de Moreda, que presenta fendas que causan a perda constante de auga clorada. Esta situación non só afecta o servizo de traída, senón que tamén supón un importante custo económico e medioambiental.
Durante o último pleno, o grupo municipal do BNG presentou un rogo no que solicitaba a reparación inmediata do depósito, xa que as fendas, de non ser tratadas, seguirán aumentando co tempo, empeorando a situación e encarecendo a solución. «Entendemos que antes do pleno o goberno puidera descoñecer o problema, pero unha vez advertidos da situación, deberían actuar con urxencia», afirmou Emilio J. Sánchez, voceiro do BNG no concello de Monforte.
O Bloque Nacionalista Galego propón, como medida provisional, realizar un parcheado no depósito para frear a vertedura de auga e evitar que o problema empeore mentres se planifica a reparación integral. O grupo nacionalista subliñou que seguirán exixindo accións inmediatas para evitar consecuencias maiores derivadas dos problemas estruturais no depósito.•