
A presentación da terceira edición do Camiño Creativo xerou un notable interese e apoio institucional, consolidándose como unha iniciativa clave para o emprendemento na Ribeira Sacra. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou na presentación do evento, celebrada este martes en Santiago de Compostela, o papel fundamental desta proposta que, cunha achega de 10.000€ por parte da Deputación de Lugo, busca mesturar emprendemento e paisaxe, innovación e talento, cultura e turismo.
O programa desenvolverase do 13 ao 23 de abril, coincidindo coa Semana Santa, e levará aos 20 emprendedores seleccionados a percorrer os 133,4 quilómetros do Camiño de Inverno entre Monforte de Lemos e Santiago de Compostela. García Porto subliñou que esta ruta está «marcada polo espectáculo do Canón do Sil, no corazón da Ribeira Sacra», unha rexén que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 2026. «Este recoñecemento impulsaría o territorio e o seu potencial turístico», sinalou a Deputada.
O Concello de Monforte de Lemos, representado pola Tenente de Alcalde Gloria Prada, tamén mostrou o seu firme apoio ao Camiño Creativo, achegando 5.000€ para a realización da iniciativa. Prada resaltou que Monforte acollerá, do 11 ao 13 de abril, o Encontro Nacional de Emprendedores Creativos, que se centrará na creación dun ecosistema emprendedor e creativo na Ribeira Sacra. «Este evento potenciará o emprego e o autoemprego no sector das Industrias Culturais e Creativas, ao tempo que promove a riqueza paisaxística e patrimonial da nosa rexión», afirmou Prada.
Ademais, lembrou que en 2021 inaugurouse a Oficina de Atención ao Peregrino do Camiño de Inverno en Monforte, que en 2024 acadou cifras récord, atendendo a 3.676 persoas, o que representa un incremento do 73,39% respecto ao ano anterior. Este dato reflicte o crecemento do interese pola ruta, impulsado por iniciativas como o Camiño Creativo, que contribúen a visibilizar o potencial turístico e cultural da rexión.
A Xunta de Galicia, pola súa banda, tamén se suma aos apoios á terceira edición do Camiño Creativo. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou o «entusiasta pulo» que esta iniciativa ofrece á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da UNESCO. Ademais, anunciou que nesta edición incorporarase unha liña específica para artistas que documentarán a súa experiencia a través de cadernos de viaxe, os cales se recompilarán nun libro final que recollerá as visións creativas dos participantes.
O programa non só fomenta o desenvolvemento de ideas de negocio, senón que tamén serve como plataforma de promoción do Camiño de Inverno e da Ribeira Sacra. A convocatoria para participar estivo aberta ata o 28 de febreiro, e a alta participación reflicte o interese que esta iniciativa esperta entre os emprendedores de diferentes eidos, desde as artes visuais ata a tecnoloxía, pasando polo deseño e a gastronomía.
O Encontro Nacional de Emprendedores Creativos, que se celebrará en Monforte e Sober, poñerá especial énfase na creación dun ecosistema creativo e emprendedor na zona. Esta acción enmarcouse dentro da estratexia de difusión do patrimonio cultural da Ribeira Sacra, cuxo valor paisaxístico e histórico se pon en relevo a través deste tipo de iniciativas que buscan dinamizar a economía local.
Durante os dez días do programa, os participantes terán a oportunidade de compartir experiencias, recibir formación específica e desenvolver proxectos innovadores que poderán ter un impacto positivo no territorio. Ademais, o contacto directo co patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra ofrecerá un contexto único para a inspiración e a creación.
A terceira edición do Camiño Creativo non só representa unha oportunidade para os emprendedores de desenvolver as súa ideas en contacto co entorno, senón que tamén contribúe a fortalecer a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, poñendo en valor a riqueza cultural e natural da rexión. O éxito das edicións anteriores e o crecente apoio institucional consolidan esta iniciativa como un referente no ámbito do emprendemento creativo en Galicia.•