O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresou a súa preocupación polos últimos datos sobre o uso do galego, sinalando a urxencia de adoptar medidas valentes de normalización. A enquisa publicada polo Instituto Galego de Estatística vén a confirmar a situación preocupante que afecta á lingua no eido mediático. O galego xa non é a lingua predominante en Galicia, e tanto o seu coñecemento como o uso na vida diaria seguen en retroceso.
As cifras reflicten tamén un alarmante aumento do consumo de medios en castelán. O 55,38% da poboación le xornais en castelán, o 43,74% escoita a radio en castelán, e o 34,41% ve televisión en castelán, sen contar os que consumen maioritariamente contidos en castelán en comparación co galego. O Colexio de Xornalistas lembra que o xornalismo en galego desempeña un papel crucial na preservación da lingua, polo que urxe a poñer en marcha políticas públicas que apoien a información en galego, especialmente nos medios locais, como ferramenta clave para fortalecer a lingua e a identidade galega.
O xornalismo de proximidade, fundamental para a sociedade galega, tamén está en perigo debido aos recortes e as dificultades do sector. A aposta por medios locais e a presenza de xornalistas nas vilas e cidades resulta esencial para asegurar a vitalidade do galego na información.•