
O Concello de Chantada aprobou o orzamento para 2025, que ascende a 9.400.000 euros. Esta cifra supón un aumento significativo respecto aos 8.425.014 euros do exercicio 2024. O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, destacou que se trata duns presupostos “absolutamente realistas”, nos que non se inclún subvencións pendentes de confirmación, malia agardar recibir importantes investimentos, especialmente da Xunta de Galicia.
No apartado de ingresos, o Concello prevé recibir 4.905.501 euros en transferencias correntes de capital procedentes do Estado, a Xunta e a Deputación, ademais de 2.595.459 euros por impostos directos. O maior ingreso provén do IBI, cun total de 1.583.000 euros, destacando o pago do encoro de Belesar. Ademais, Chantada recibirá 250.000 euros en axudas para eficiencia e aforro enerxético que se destinarán ao centro de atención temperá, a biblioteca e as piscinas municipais mediante xeotermia.
No apartado de gastos, destínanse 4.443.396 euros a bens e servizos, e 3.393.981 euros a persoal, representando este último o 35% do total. O incremento no gasto de persoal foi menor do esperado tras a aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) en 2023. Entre os gastos correntes destaca o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun custo de 400.000 euros para o Concello, alcanzando un total de 1.200.000 euros coas achegas da Xunta e dos usuarios.
Outros gastos inclúnse na recollida de lixo, pagos a Sogama, a Gardaría Municipal, o Centro de Día, o alumeado e obras menores. O alcalde subliñou a necesidade de atender incidencias habituais como desprendementos na ribeira debido ás chuvias. Ademais, reservouse unha partida de 325.000 euros, mediante unha operación de crédito, para a canalización dos regatos da vila por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Os orzamentos permitirán rematar dúnas obras iniciadas en 2024: o centro de atención temperá e a nova biblioteca. Agárdase recibir 130.000 euros para dotar o centro de mobiliario; de non ser así, utilizaranse fondos propios. Tamén se conta cun remanente de 580.000 euros do exercicio anterior, que se destinará a mellorar infraestruturas no rural e amortizar débedas relacionadas co Polígono do Acivros.
O alcalde anunciou cambios na xestión do recibo do lixo na zona urbana, que deixará de estar vinculado ao da auga, externalizándose a xestión á Deputación. Os orzamentos recibiron os votos a favor do equipo de goberno, mentres que a oposición votou en contra.•