«Polo San Brais, as roscas bendicirás»

Mar López Sotelo

Reporteira gráfica de Radio Monforte

O tres de febreiro é o día da festa do San Brais, e pecho os ollos para lembrar aqueles momentos felices da miña infancia cando me erguía pola mañá e abría as contras e os bastidores da fiestra do meu cuarto e o primeiro que vía era o Conxunto Monumental de San Vicente do Pino coa Torre da Homenaxe, o Mosteiro e o Pazo dos Condes. Xa imaxinades o privilexiada que me sentía por ter un escenario cun decorado tan espectacular para escribir sobre as miñas aventuras como princesa na Corte do Conde de Lemos ou representando á protagonista do derradeiro conto que mercara no quiosco da Marista; aínda que teño que confesar que os meus primeiros pasos no mundo do teatro romántico medieval custáronme máis dunha regaña, porque os camisóns, velos ou tacóns da miña nai acababan, ás veces, moi estragados.

Vista do interior da igrexa no conxunto monumental de San Vicente, na festividade do San Brais. (Foto cedida: MLS).


O día anterior á festa era un bulicio na cociña, un pracer exquisito para os sentidos, eses olores, tocar a fariña, facer a masa, bater os ovos e sobre todo, fritir as riquísimas rosquillas que facía a avoa Rosario, pero o mellor de todo era tentar coller unha rosquilla do prato sen deixarse atrapar. Esa noite fun para a cama feliz soñando como sería a aventura do día seguinte. “Levántate, nena, temos que almorzar cedo para subir a San Vicente”. De seguido puxen o abrigo, o sombreiro, as luvas e o pano e corrín a ver á avoa, e coma se me nomease cabaleiro da Orde de Lemos, colgoume do pescozo un colar de rosquillas, que cheiraban tan ben, que era case imposible non caer na tentación de comelas. Dende o barrio de Ramberde pasando pola Ponte Vella, o Arrabaldo, a Calexa, Santo Domingo, a estrada subía en zigzag por camiños, a modo de atallos, ata o Mosteiro.

Roscas e cintas benditas por San Brais. (Foto cedida: MLS).


Esta vez empecei o meu paseo dende o Campo da Virxe, coa cámara preparada para inmortalizar esta apaixonante aventura; a ilusión e a felicidade reflectíronme na cara cun sorriso cando entrei na igrexa, tan espectacular como a lembraba: os cánticos, a xente cos cestos cheos de roscas, as cintas multicolores, o cheiro a incenso, o santo Brais no altar agardando que me achegue para cumprir a tradición, a rosquilla bendita que me regalaron por fotografar as súas espectaculares cestas, os nenos do Colexio Torre de Lemos emocionados coa súa participación na procesión, os bicos e apertas dos veciños que levaba moito tempo sen ver, e sobre todo fotografar os murais policromados e os esgrafiados, recentemente restaurados, do altar e das capelas da Virxe de Monserrat e San Bieito, que devolvéronlle o esplendor que tiña na Alta Idade Media cando a comunidade beneditina estableceuse nela. Cada son da cámara era a confirmación de que estaba gardando eses grandes momentos para lembralos tantas veces como quixese. Bendita paixón pola fotografía, pensei, porque grazas ás súas tarxetas de memoria poderei contarlle a todos os que queiran escoitarme o marabilloso que é conservar as tradicións e a cultura do pobo e deixarlles ás miñas obras como legado, co cal espero que, como este artigo, vos saiba a rosquillas recén feitas e bendicidas por San Brais. •

Alumnado do CPR Terra de Lemos de Monforte participou na celebración do San Brais. (Foto cedida: MLS).

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O equipo de axentes ambientais volve ofrecer atención na Pobra do Brollón

Seguinte Nova

O alcalde de Bóveda reúnese co presidente da Xunta para avanzar en proxectos estratéxicos para o concello

Últimas noticias sobre PROTAGONISTAS

Ir aInicio