
A Xunta de Galicia rematará no mes de abril as obras de restauración do Convento da Mercé, tamén coñecido como Mosteiro da Madalena, en Sarria. As intervencións, supoñen un investimento superior aos 370.000€. A obra foi visitada polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Segundo explicou o conselleiro, os traballos están dirixidos a resolver os problemas de deterioro da tarima provocados pola entrada de auga, así como a mellorar a instalación eléctrica e de iluminación do inmoble. A intervención comezou na sancristía, onde se eliminaron as humidades, substituíuse a escaleira que conectaba coa planta alta e acondicionouse o espazo superior para usos expositivos e como almacén de pezas históricas.
Ademais, o proxecto inclúe o picado dos morteiros de cemento na planta baixa e na sancristía, a eliminación de elementos descontextualizados e o acondicionamento do espazo sobre o refectorio para usos culturais e relixiosos mediante a renovación da iluminación e das fiestras.
Na zona do patio, está prevista a renovación das carpinterías exteriores, a reforma da escaleira e a instalación dun novo sistema eléctrico e de iluminación acorde co valor monumental do edificio.
O conselleiro lembrou que o pasado ano impulsáronse máis de 100 intervencións de restauración en máis de 80 bens distribuídos por toda Galicia, con especial atención a monumentos situados nas rutas de peregrinación.
O Goberno galego subliña a importancia de manter e conservar a riqueza patrimonial.•