O documento establece as liñas de acción para impulsar o tecido empresarial da comarca

A Agrupación de Empresas da Ribeira Sacra deu un paso clave neste mes de febreiro coa presentación do seu Plan Estratéxico, que marcará as directrices para o desenvolvemento do tecido empresarial da zona. O acto tivo lugar o pasado 13 de febreiro no restaurante Don Manuel de Monforte, cunha destacada asistencia de case 200 persoas, entre representantes de empresas, autónomos e administracións colaboradoras como a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e varios concellos da Ribeira Sacra.
O documento foi presentado por José Pablo Abeal Vázquez, profesor da área de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade da Coruña e director do plan, quen destacou a importancia da cooperación entre os axentes locais para afrontar os retos económicos da comarca. O estudo elaborado durante o último ano reflicte a necesidade de fortalecer o tecido empresarial da Ribeira Sacra, condicionado por unha crise demográfica, o envellecemento da poboación, unha estrutura produtiva reducida e unha capacidade inversora limitada. Ademais, constátase a escasa internacionalización do sector e unha absorción de emprego insuficiente.
Fronte a esta realidade, a Agrupación de Empresas da Ribeira Sacra establece como misión fundamental fomentar a colaboración entre as empresas da zona, promover o desenvolvemento económico e impulsar a xeración de emprego. O plan recolle a importancia de crear un sistema de intercambio de coñecementos e experiencias para fortalecer o tecido produtivo local. Así mesmo, prevese o lanzamento de iniciativas de formación adaptadas ás necesidades do sector, co obxectivo de mellorar a cualificación profesional da poboación e responder á demanda do mercado laboral.
Durante este primeiro ano, a Agrupación elixirá unha Xunta Directiva que poñerá en marcha unha xerencia profesional encargada da xestión da entidade. Tamén será clave o labor comunicativo para aumentar a masa asociativa, consolidar apoios institucionais e garantir a sustentabilidade do proxecto a longo prazo.
Outro dos obxectivos prioritarios será a dinamización da presenza dixital da entidade. A Agrupación lanzará proximamente unha nova páxina web, que permitirá coñecer as empresas asociadas e os proxectos nos que están a traballar. Ademais, para a primavera está prevista a organización dun encontro de networking entre as empresas asociadas, co fin de compartir experiencias, identificar necesidades comúns e propoñer solucións para fortalecer o sector empresarial da comarca.•