

O pasado 15 de febreiro celebrouse no Campo da Feira de Sarria a XVII Festa do Cocido do Porco Celta, un evento que volveu ao seu formato tradicional e que reuniu a máis de 700 persoas. Os asistentes desfrutaron dun menú completo baseado no porco celta criado na comarca, acompañado de sopa, verduras, patacas, garavanzos, lacón, chourizo, butelo, cachola e soá, rematado cunha sobremesa de queixo con marmelo, roscón caseiro e café de pota.
O acto estivo marcado polo pregón de Rosaura Leis, catedrática e presidenta da Fundación Española de Nutrición. Durante a festa tamén se entregaron os galardóns de cazoleira e tixoleiro do ano. Os recoñecidos foron Carmen Varela, cociñeira do restaurante Mar de Plata, e Alfredo Méndez Rebollal, impulsor do bar Rebollal en Pedrafita do Cebreiro.•