O Consello Municipal de Saúde reclama garantías para as probas realizadas e a dotación de máis especialistas

Dende o pasado 17 de febreiro, e de xeito provisional, as mulleres do distrito sanitario de Monforte de Lemos teñen que desprazarse a Lugo para realizar os cribados de cancro de mama debido á avaría do mamógrafo do Hospital Público de Monforte. A Consellería de Sanidade está a organizar o transporte gratuíto ata o centro de saúde da Praza de Ferrol, onde se efectuarán as mamografías. Esta situación manterase ata que o hospital monfortino dispoña dun novo dispositivo ou se repare o actual.
O pasado martes 25 de febreiro, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu unha sesión extraordinaria do Consello Municipal de Saúde para abordar esta problemática. Durante a xuntanza, puxo de manifesto a preocupación tanto dos profesionais sanitarios como das pacientes afectadas, e criticou que tivera que coñecer a situación a través dos medios de comunicación.
O Consello destacou que a avaría do mamógrafo se remonta ao mes de xuño de 2024, xerando inquedanza entre as mulleres que pasaron polo cribado nos últimos meses. Ante isto, demandou á Xunta de Galicia que aclare se as probas realizadas desde aquela data son válidas e que ofreza a posibilidade de repetilas a aquelas pacientes que o soliciten.
Outro dos puntos tratados na reunión foi a escaseza de especialistas no Hospital Comarcal de Monforte. Segundo se expuxo, a situación non mellorou nos últimos meses, senón que empeorou. A consulta de dermatoloxía quedou sen servizo e a praza prometida para o servizo de hematoloxía non foi cuberta, eliminándose ademais as gardas dos dous hematólogos existentes.
Tras o debate, o Consello Municipal de Saúde aprobou por unanimidade unha serie de reclamacións dirixidas á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde (Sergas). En primeiro lugar, exíxese a dotación dun novo mamógrafo para o Hospital Comarcal de Monforte de Lemos coa maior celeridade posible, co obxectivo de evitar os desprazamentos das mulleres a Lugo para a realización das probas.
Tamén se reclama que a Xunta aclare a validez das mamografías feitas desde a avaría e que ofreza a opción de repetilas ás mulleres que as fixeran nesas condicións. Ademais, instan á Consellería de Sanidade a cubrir as prazas de especialistas en servizos como dixestivo, psiquiatría, rehabilitación, pediatría, radioloxía, laboratorio, hematoloxía e dermatoloxía.
O acordo adoptado será trasladado ao conselleiro de Sanidade, ao xerente do Sergas, ao responsable da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, e á xerente do hospital monfortino. O alcalde, José Tomé, insistiu en que “os monfortinos e monfortinas non son cidadáns de segunda” e que non é aceptable que as mulleres da comarca teñan que desprazarse a Lugo para recibir un servizo esencial.•