
O vindeiro domingo 2 de marzo terá lugar o tradicional Desfile de Entroido en Sarria, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. O evento, organizado polo Concello de Sarria, repartirá un total de 6.050 € en premios, que se distribuirán en diversas modalidades, como carrozas, comparsas e disfraces individuais, tanto en categoría adulta como infantil.
As persoas interesadas en participar no desfile deben formalizar a súa inscrición antes do 25 de febreiro ás 23:59 h. Para facelo, será necesario cubrir a ficha de inscrición e presentar a documentación correspondente, que inclúe unha copia do DNI e un certificado de titularidade da conta bancaria, para realizar o ingreso no caso de resultar gañadores. A inscrición poderá enviarse por correo electrónico á dirección cultura@sarria.gal, presentarse na sede electrónica ou acudir persoalmente á oficina de rexistro do Concello.
No apartado de carrozas, o primeiro premio recibirá 800 €, o segundo 600 € e o terceiro 300 €. Pola súa parte, nas comparsas, o gañador obterá 800 €, o segundo 600 €, o terceiro 300 € e o cuarto 150 €. Na categoría de disfraces individuais adultos (de 1 a 3 participantes), os premios serán de 150 € para o gañador, 100 € para o segundo posto e 60 € para o terceiro. Nos disfraces individuais infantís, o primeiro premio ascende a 120 € e o segundo a 100 €.
O evento tamén premiará a mellor música en vivo cun galardón de 200 €, así como outras categorías especiais como o accesit de 250 € para a mellor carroza ou comparsa infantil formada por máis de catro participantes menores de 16 anos. Ademais, haberá premios para a comparsa máis animada (200 € para máis de 50 integrantes e 150 € para de 4 a 50), así como un premio de 60 € para o participante máis animado e outro de 60 € para a mellor crítica de actualidade.
Este evento festivo e cultural busca promover a participación cidadá e o espírito de convivencia en Sarria, reunindo a veciños e visitantes nunha das datas máis sinaladas do calendario local.•