
A cuarta edición de O Gran Camiño xa está en marcha, e este sábado 1 de marzo a Pobra do Brollón converterase nun punto clave da carreira. A vila acollerá a saída da cuarta etapa, que levará aos ciclistas por unha das traxectorias máis esixentes do percorrido. Para garantir o correcto desenvolvemento do evento, o Concello anunciou varias restricións de tráfico e estacionamento.
Os cortes de tráfico estarán vixentes o sábado entre as 11:00 e as 14:00 horas, afectando especialmente a Avenida de Galicia, dende a rotonda ata o cruce coa Rúa Peza, e a Rúa da Feira, dende a rotonda ata a Ponte de San Antonio. Ademais, a estrada de Cereixa sufrirá un corte puntual no momento da saída dos corredores, prevista para as 13:30 horas.
As restricións de estacionamento comezarán xa na tarde do venres 28 de febreiro, a partir das 17:00 horas, e estenderanse ata o sábado ás 16:00 horas. Durante ese tempo, non se poderá aparcar en diversas zonas estratéxicas da localidade, incluídas a Rúa Samoeiro, a Rúa Río Rubín, a Avenida de Galicia e a Rúa da Feira.
O Gran Camiño 2025, que arrincou este 26 de febreiro en Matosinhos, Portugal, e remata o 2 de marzo en Santiago de Compostela, conta cunha etapa máis ca en edicións anteriores. O danés Jonas Vingegaard, gañador das dúzas últimas entregas da proba, este ano non participa na proba, o que deixa máis abertas as opcións de vitoria. A carreira poderá seguirse en directo a través de Eurosport e da plataforma Max, con comentarios a cargo de Alberto Contador e Javier Ares.
Dende o Concello da Pobra do Brollón agradecen a comprensión e colaboración da veciñanza ante as medidas de mobilidade e convidan a asistir á saída dos ciclistas, que terá lugar na Avenida de Galicia. A expectación está servida para unha xornada na que o ciclismo será o gran protagonista na vila.•