Monforte avanza cara á súa futura Praia Fluvial cun Plan Especial xa listo e aprobado no Pleno Municipal

O Concello de Monforte segue avanzando no proxecto da Praia Fluvial e Área Recreativa de Ribasaltas, unha iniciativa que transformará a marxe dereita do río Cabe nun amplo espazo de lecer. O alcalde, José Tomé Roca presentou o Plan Especial que define as actuacións necesarias para a materialización desta infraestrutura, que conta cunha superficie de 138.282 metros cadrados e un investimento estimado de máis de cinco millóns de euros.
O documento urbanístico, redactado pola UTE Ribasaltas, formada polas empresas Monsa Urbanismo SL e Estudios Técnicos Topysa SL, inclúe a planificación de diferentes dotacións, entre elas unha zona de baño con azud desmontable, unha praia fluvial de 1,4 hectáreas, un espazo verde con céspede de 2 hectáreas e unha pradeira de 4,8 hectáreas. Ademais, prevese a construción dunha área de hostalería, un parque infantil de 1.200 metros cadrados, un estacionamento con capacidade para máis de 400 vehículos, sendas peonís e edificacións auxiliares.
O concurso para a redacción do Plan Especial foi publicado o 25 de outubro de 2023 cun orzamento de 96.800 euros. Un equipo de tres enxeñeiros valorou as propostas técnicas presentadas, resultando adxudicataria a UTE Ribasaltas, que formalizou o contrato o 27 de decembro de 2023 por un importe de 82.828 euros. Segundo explicou o alcalde, este documento urbanístico servirá de base para definir as futuras infraestruturas e servizos da zona, permitindo posteriormente a redacción do proxecto construtivo.
Tras a elaboración do borrador inicial, o Plan foi enviado á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, que determinou que debería someterse a unha avaliación ambiental estratéxica ordinaria. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu un informe favorable, permitindo que o documento avanzase cara á súa aprobación inicial, feito que tivo lugar no pasado Pleno do luns 24 de febreiro.
Unha vez superado este trámite, o documento someterase a información pública durante dous meses, conforme ao artigo 75 da Lei do Solo de Galicia. Durante este período, será publicado no Diario Oficial de Galicia e nos principais medios de comunicación da provincia, ademais de notificarse individualmente aos propietarios dos terreos afectados. Posteriormente, o Concello remitirá o Plan á Xunta de Galicia para a súa avaliación sectorial, cuxos informes deberán emitirse nun prazo máximo de tres meses. Superados estes pasos, aprobarase provisionalmente o contido do Plan antes de ser sometido a aprobación definitiva polo Pleno municipal.
Unha vez ratificado, procederase á expropiación dos terreos afectados, un proceso que será xestionado polo Servizo de Expropiacións da Deputación de Lugo. Paralelamente, licitarase a redacción do proxecto construtivo, que definirá en detalle as actuacións necesarias para a urbanización, dotación de servizos e edificacións previstas no Plan Especial. O documento someterase a exposición pública durante un mes antes da súa aprobación definitiva.
Finalmente, trala aprobación do proxecto construtivo, abrirase o proceso de licitación das obras, que darán forma á nova Praia Fluvial e Área Recreativa de Monforte. Segundo destacou o alcalde José Tomé, este espazo converterase nun referente no interior de Galicia, cunha capacidade estimada para 20.000 persoas e unha oferta de servizos que mellorará a calidade de vida da cidadanía e potenciará o atractivo turístico da cidade.

O PP CALIFICA O ANUNCIO DE “SIMPLE PROMESA ELECTORAL”
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte aseguran que José Tomé renunciou á súa promesa de crear unha praia fluvial no municipio antes de 2027. Durante o pasado pleno de febreiro, según os populares, Tomé alegou que os trámites administrativos impedirían que a infraestrutura estivese lista antes das próximas eleccións. Katy Varela, voceira do PP, criticou a falta de accións previas e afirmou que “non nos sorprende esta situación, xa que estamos máis que acostumados a ter un alcalde de titulares que logo quedan niso e non hai realidades constatables para os monfortinos”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Pobra do Brollón prepárase para a saída de O Gran Camiño este sábado

Seguinte Nova

Convocadas as axudas da Deputación de Lugo para entidades deportivas e asociacións culturais

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss