As subvencións contan cun orzamento total de 1,1 millóns de euros para apoiar a actividade competitiva dos clubs e o tecido asociativo cultural

Foto GPVDL.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo abriu o prazo de solicitude das axudas dirixidas a clubs deportivos e asociacións culturais da provincia, cun investimento total de 1,1 millóns de euros. As subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas a financiar gastos derivados da actividade competitiva das entidades deportivas e a apoiar a organización de eventos culturais, así como a mellora de locais sociais. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 21 de marzo.
A convocatoria para os clubs e entidades deportivas conta cun orzamento de 600.000 euros. Estes fondos permitirán cubrir custos relacionados coa actividade competitiva, como a compra de material deportivo e equipación, transporte, fichas, arbitraxe, persoal ou alugueiro de instalacións. As axudas oscilan entre os 500 e os 6.000 euros, cun incremento de 1.000 euros no límite máximo con respecto a anos anteriores. O novo modelo concentra nunha soa liña de financiamento os apoios que anteriormente se distribuían entre actividade competitiva e organización de eventos.
A concesión das axudas valórase en función de criterios obxectivos como o rendemento deportivo, a incidencia social, o ámbito territorial, a antigüedade da entidade ou o persoal contratado. Ademais establécense criterios de discriminación positiva para clubs con equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. As bases da convocatoria poden consultarse na web da Deputación de Lugo.
En canto ás axudas culturais, a Deputación destina 500.000 euros para apoiar o labor das asociacións. Esta convocatoria inclúte unha liña de 315.000 euros para a organización de actividades culturais, especialmente aquelas relacionadas coa difusión do patrimonio material e inmaterial de Galicia, a historia, a música e as tradicións. A contía das subvencións oscila entre os 500 e os 3.000 euros.
A segunda liña de axudas, dotada con 185.000 euros, está destinada á mellora, acondicionamento e reforma de locais culturais, así como á compra de equipamento. As asociacións interesadas poden acceder a axudas de entre 500 e 2.000 euros.
Na anterior convocatoria concedéronse 431 subvencións, das cales 256 foron para a organización de actividades e 175 para investimentos en infraestruturas culturais. As bases e formularios están dispoñibles na web cultura.deputacionlugo.gal.•