Os deputados do Grupo Provincial Popular manifestaron o seu descontento coa decisión da Deputación de Lugo de acometer a rehabilitación da estrada LU-P-3201 só no tramo que discorre polo municipio de Monforte. Segundo denuncian, a parte correspondente ao termo municipal de Sober non recibirá unha mellora completa, limitándose unicamente a traballos de bacheado.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recoñece a necesidade das obras en Monforte, pero critica a falta de equidade na distribución dos investimentos. Lembra que en marzo de 2024 o grupo popular solicitara medidas para mellorar a seguridade no barrio de Piñeira, como a construción de beirarrúa e pasos de peóns. Con todo, considera inxusto que o proxecto de mellora non se estenda de igual xeito ao treito de Sober, malia a estreita relación entre ambas localidades.
Ameijide cuestiona que a Deputación priorice investimentos que benefician exclusivamente Monforte, municipio do que é alcalde José Tomé. Ademais, sinala que moitos monfortinos e soberinos comparten vencellos familiares e laborais, polo que a mellora debería atender ambos territorios. Neste senso, Ameijide esixe a José Tomé que “deixe a un lado o seu egoísmo, do que cada día fai gala, e comece a preocuparse polas necesidades de todos os concellos da provincia, non só do seu ”.•