Monforte mellorará a estrada a Sober

A Deputación de Lugo financiará a rehabilitación de case dous quilómetros da travesía que conecta Monforte con Sober, cunha inversión de case 300.000 euros

Imaxe da rolda de prensa na que o goberno municipal informou sobre a mellora da Estrada de Sober. Foto GPCM.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou que se levará a cabo a mellora da estrada LU-P-3201, tamén coñecida como Rúa ou Estrada de Sober. Trátase dunha vía que conecta os concellos de Monforte e Sober, sendo unha das principais entradas á cidade.
A actuación abranguerá desde o punto quilométrico 0+814, á altura da Capela de San Lázaro, ata o quilómetro 2+540, na parroquia de Piñeira. Ademais, incluirase a rehabilitación dun tramo da estrada vella de Monforte a Sober de 267 metros, no núcleo de Piñeira, sumando un total de 1.993 metros de melloras.
O proxecto conta cun orzamento de 294.190,37 euros, asumido integramente pola Deputación de Lugo. O prazo de execución previsto será de catro meses unha vez adxudicada a obra e asinada a acta de replanteo, polo que os traballos desenvolveranse entre finais da primavera e comezos do verán.
Entre as actuacións previstas, levarase a cabo a reapertura das cunetas para recuperar a súa capacidade de drenaxe e a limpeza dos elementos de evacuación de augas. Ademais, renovarase a canaleta situada baixo o paso a nivel.
Na zona urbana, fresarase o firme existente para aplicar unha nova capa de mestura bituminosa, garantindo unha mellor regularidade superficial e unha maior capacidade estrutural da vía. No tramo entre o núcleo e a última vivenda da marxe esquerda pavimentarase con formigón alisado, incluíndo a instalación dunha rigola prefabricada para a separación entre a estrada e o novo pavimento.
A mellora tamén contemplará a pavimentación da marxe dereita entre a zona de vivendas e un sendeiro, o entubado de cunetas e a instalación dunha cuneta transitable que conectará coas beirarrúas existentes. Tamén se optimizarán os estacionamentos diante do IES A Pinguela e do Obradoiro de Emprego.
Unha vez completada a pavimentación, realizarase o pintado da vía con marcas viarias reflexivas brancas, cebreados e a sinalización de paradas de autobús e pasos de peóns ao longo de toda a travesía, dende a Capela de San Lázaro ata a entrada en Sober. Ademais, instalaranse bandas sonoras para reducir a velocidade do tráfico na contorna do IES A Pinguela e renovarase toda a sinalización vertical deteriorada.
O Alcalde, José Tomé destacou que esta intervención mellorará a circulación entre Monforte e Sober, beneficiando tanto os veciños da Pinguela como os usuarios das instalacións deportivas e educativas situadas nesta área.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Alimentación sentida. Comer sin miedo

Seguinte Nova

A Xunta adxudica as obras de restauración da cúpula do Colexio do Cardeal

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss