
Foto Envato.
A Xunta habilitou un chatbot de intelixencia artificial para facilitar información e resolver dúbidas sobre as axudas dispoñibles para as persoas traballadoras autónomas. O servizo está dispoñible na Oficina Virtual do Emprego Autónomo e acompaña a orde que unifica máis de 40,7 millóns de euros en apoios ao sector.
O chatbot ofrece respostas adaptadas ao perfil do usuario e permite acceder a infografías con información práctica e aos enlaces directos para a tramitación das axudas. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2025. A orde inclúe cinco programas de apoio para preto de 8.700 persoas autónomas, con achegas destinadas ao inicio e consolidación da actividade, ademais de medidas de conciliación e apoio a quen desexe volver emprender.
O programa de promoción do emprego autónomo ten axudas para o inicio da actividade e a cota cero durante 12 meses. O Bono Autónomo conta con 8 millóns de euros para mellorar a competitividade dos negocios. O Bono Nova Oportunidade dispón de 1,5 millóns para quen desexe emprender de novo tras cesar a actividade.
O Bono Remuda, dotado con 1,2 millóns de euros, favorece a transmisón de negocios rendibles, incluíndo axudas para quen os traspase por xubilación. Ademais, a orde prevé un programa de conciliación, cun millón de euros, para apoiar a contratación de persoal en casos de maternidade, paternidade ou coidado de persoas dependentes.
Tamén segue aberto o prazo para solicitar axudas á contratación do 1º, 2º e 3º traballador por parte de autónomos, cunha dotación de máis de 1,3 millóns de euros.•