O turismo medra en Galicia e a ocupación na Ribeira Sacra supera as previsións no Entroido

Os establecementos hoteleiros de 3 e 4 estrelas, como o Hotel Áurea Palacio de Sober (na foto), alcanzaron unha ocupación do 83,3% na fin de semana do Entroido. Foto HAPS.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou os primeiros datos turísticos de 2025, referidos á ocupación en hoteis e pensións durante o mes de xaneiro. Segundo estas cifras, un total de 179.837 viaxeiros aloxáronse nos establecementos hoteleiros de Galicia, sumando 317.129 noites, o que supón incrementos do 3,3% e do 1,7% respectivamente en comparación co mesmo período do ano anterior.
O crecemento do turismo nacional foi clave neste avance, cun aumento do 5% no turismo interno, correspondente a residentes en Galicia, e dun 3% no turismo procedente do resto do Estado. Como consecuencia, o sector hoteleiro conseguiu manter uns ingresos superiores aos 12 millóns de euros, consolidando por segundo ano consecutivo este limiar. Os datos superan os rexistrados antes da pandemia, cando en xaneiro de 2020 se facturaran 11,7 millóns de euros e en xaneiro de 2019, 10,6 millóns.
En canto ao perfil dos viaxeiros, o 80% das pernoitas correspondéronlle a turistas nacionais, destacando a importancia dos visitantes procedentes doutras comunidades autónomas, que representaron o 45% do total. O mercado interno galego concentrou o 33% das noites, mentres que o 21% restante correspondeu ao turismo internacional. Ademais, o turismo nacional acumula xa tres anos consecutivos de crecemento no mes de xaneiro, superando as 252.000 pernoitas na comunidade.
Por outra parte, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra informou de que a ocupación nos aloxamentos durante o pasado Entroido acadou o 61,26% entre o venres e o martes, superando en máis de 14 puntos as previsións iniciais do 42%. Os establecementos hoteleiros de 3 e 4 estrelas alcanzaron unha ocupación do 83,3% na fin de semana, reducindo ao 58% os dous últimos días festivos. No caso do turismo rural, a ocupación foi do 72,2% na fin de semana e do 54,6% o luns e martes.
As vivendas de uso turístico rexistraron unha ocupación do 62,5% na fin de semana e do 37,5% nos días seguintes, mentres que o resto de aloxamentos alcanzaron o 73% na fin de semana e o 49% luns e martes. O incremento da ocupación debeuse, en boa parte, ás reservas de última hora, favorecidas polas previsións meteorolóxicas favorables. Ademais, a afluencia de visitantes tamén se fixo notar na restauración da Ribeira Sacra. Os restaurantes da comarca recibiron unha importante afluencia de clientela, tanto de turistas aloxados como de visitantes da propia zona e de localidades próximas, o que fixo difícil atopar mesa sen reserva previa nos días centrais do Entroido.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Críticas do Partido Popular por non arranxar a estradaLU-P-3201 na súa totalidade

Seguinte Nova

Renfe lanza un 15% de desconto nos billetes Interrail para viaxar por Europa

Últimas noticias sobre TURISMO

Ir aInicio

Don't Miss