Con esta promoción, a compañía pretende fomentar os viaxes en tren e facilitar o coñecemento de máis de 30.000 destinos europeos

Renfe lanzou unha promoción que ofrece un 15% de desconto nos billetes Interrail entre o 11 de marzo e o 1 de abril de 2025, permitindo viaxar a máis de 30.000 destinos en 33 países europeos. Os billetes poden adquirirse para viaxes cunha data de inicio que se pode estender ata 11 meses despois da compra, o que achega gran flexibilidade ás persoas viaxeiras.
O pase Interrail, persoal e intransferible, está dispoñible para residentes da maioría dos países europeos. Con el, pódese acceder a trens de primeira ou segunda clase. Os tipos de billete varían segundo a idade da persoa viaxeira, con pases especiais para mozas e mozos (menores de 28 anos), persoas maiores (a partir de 60 anos) e crianzas (de 4 a 11 anos, con pase gratuíto se viaxan acompañadas por persoas adultas).
As persoas usuarias poden escoller entre o Global Pass, que cobre 33 países e permite viaxar entre 15 días e tres meses, e o One Country Pass, para explorar un só país entre 3 e 8 días. Os prezos oscilan entre 43 euros para o pase mozo e 1032 euros para persoas adultas que desexen percorrer Europa durante tres meses continuos.
Este pase foi popular entre xeracións de mozas e mozos, especialmente tras a célebre película Antes do Amencer, dirixida por Richard Linklater. Nela, os personaxes interpretados por Ethan Hawke e Julie Delpy percorren Europa, realizando o soño de moitas persoas: viaxar en tren e descubrir novos destinos. O filme, que idealizou as viaxes Interrail, segue a ser un referente cultural sobre a experiencia de percorrer Europa en tren.•