
O Concello de Bóveda celebrou este 8 de marzo unha sesión conmemorativa dedicada ás mulleres que deixaron unha pegada indeleble na astronomía. O evento, organizado en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago (USC), tivo lugar como parte das actividades do Día Internacional da Muller e destacou o traballo de numerosas astrónomas que, ao longo da historia, non sempre foron recoñecidas polo seu valioso labor.
A xornada, coordinada polo catedrático José Ángel Docobo, contou coa participación de persoal do observatorio e alumnado en prácticas, entre os que figuraron Nerea Puime, natural da parroquia de Martín en Bóveda, Eva Seijas, Ángel Castro, David Area e o doutor Luca Piccotti. A actividade permitiu un percorrido pola historia das astrónomas, desde as pioneiras de Grecia e Alexandría ata as científicas contemporáneas, subliñando as súas achegas ao desenvolvemento do coñecemento astronómico.
A través desta iniciativa, o Concello e o Observatorio Ramón María Aller puxeron de manifesto o seu compromiso coa divulgación científica e o recoñecemento do traballo das mulleres na ciencia, un ámbito históricamente dominado por homes. A sesión tamén serviu para reflexionar sobre a importancia de continuar avanzando na igualdade de xénero e no recoñecemento do talento feminino en todas as disciplinas.•