
A XLV Feira do Viño de Amandi celebrarase en Sober do 11 ao 13 de abril, coincidindo coa fin de semana do Domingo de Ramos. Nesta edición, a pregoeira será a cantante Lucía Pérez, natural do Incio, quen ofrecerá un concerto o sábado pola tarde e pronunciará o pregón o domingo ao mediodía. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destacou a súa elección por ser “unha das artistas máis queridas e recoñecidas da música galega”, nun momento de madurez artística e tras a publicación do seu novo tema, Tanto, onde fusiona influencias culturais galegas e mexicanas.
A canción foi composta pola propia Lucía xunto con G-Face e producida por Juan Guevara. A artista, cunha traxectoria de máis de 20 anos, ten publicados sete discos e representou a España no Festival de Eurovisión e en Viña del Mar. Conta cunha ampla carreira musical e unha forte vinculación con Galicia, participando en numerosos eventos. De feito, o Concello de Sober xa apostou por ela en varias ocasións, como nas Festas do Carme.
Ademais da presenza da cantante, o Incio terá un papel especial nesta edición da feira, pois será o concello homenaxeado.
O programa completo do evento, incluíndo as actividades do Mes do Amandi e o cartel anunciador, obra de Rubén Lucas García, presentarase o sábado 15 de marzo na capela de Portabrosmos.•
A XLV FEIRA DO VIÑO DE AMANDI XA TEN CARTEL ANUNCIADOR

O Concello de Sober vén de fallar o concurso do cartel da XLV Feira do Viño de Amandi, que se celebrará os días 11, 12 e 13 de abril. O xurado, formado por técnicos municipais, seleccionou a proposta ‘Pandeireta’, obra do murciano Rubén Lucas García, entre unha vintena de traballos chegados de diversos puntos de Galicia, España e mesmo Francia.
O autor do cartel xa foi recoñecido noutros certames, con obras anunciando eventos como o Arde Lucus ou a Festa do Queixo de Arzúa. Nesta ocasión, recibirá 800 euros e unha peza de Gundivós personalizada.
O cartel será presentado oficialmente o sábado 15 de marzo na capela de Portabrosmos, xunto co programa do Mes do Amandi e as actividades da feira. Todos os traballos participantes estarán expostos na Casa da Cultura.•