
O Concello de Monforte, a través da súa Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), organizou diversos actos para conmemorar o Día Internacional da Muller. No marco desta celebración, tivo lugar no Espazo do Cuadrado do Parque dos Condes a concentración oficial polo 8 de marzo, acto que contou cunha ampla participación de veciños e representantes institucionais. Durante o evento, inaugurouse un mural da artista Xoana Almar en homenaxe ás mulleres lavandeiras do río Cabe.
A xornada arrancou coa lectura do Manifesto do Concello de Monforte polo 8M, a cargo da concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, quen estivo acompañada por membros do equipo de goberno, como os concelleiros José Manuel Mougán e Guillermo Díaz, ademais de representantes da corporación municipal e do Centro de Información á Muller. O alcalde, José Tomé Roca, non puido asistir debido a compromisos de axenda.
O acto central foi a inauguración do mural de Xoana Almar, unha obra que busca poñer en valor o traballo das lavandeiras monfortinas, que desempeñaron unha tarefa dura e pouco recoñecida ao longo da historia. “Con este mural quixemos render unha homenaxe ás nosas mulleres lavandeiras de Monforte, que realizaban este traballo tan duro e tan necesario na vida daqueles tempos e, como de costume, era tan pouco valorado”, manifestou Margarita López durante a súa intervención.
Tralo descubrimento do mural, repartiuse entre os asistentes material de sensibilización serigrafiado coa imaxe da obra, como libretas e bolsas de tea. Ademais, moitos cidadáns aproveitaron a ocasión para fotografarse xunto ás imaxes que representan as mulleres lavandeiras do río Cabe, un mural que está a espertar unha gran acollida entre a veciñanza.
O MURAL E A SÚA INSPIRACIÓN
A obra de Xoana Almar está composta por unha fileira de mulleres lavando no río Cabe, nunha representación que lembra a estética do artista mindoniense Xosé Vizoso, recentemente falecido. A composición, adaptada ao formato horizontal do muro do Espazo do Cuadrado, destaca polas súa figuras sinxelas e expresivas. Nos laterais do mural pódense ler as palabras “Lavandeiras” e “do Río Cabe”, integradas na paisaxe da ilustración.
A autora do mural, Xoana Almar, naceu en Santiago de Compostela en 1983. Licenciada en Economía pola USC e en Antropoloxía Social pola Universidade de Granada, posúa ademais un Ciclo Superior de Ilustración na Escola de Arte de Granada. No ano 2013 fundou, xunto a Raquel Doallo e Miguel Peralta, a cooperativa Cestola, especializada en pintura, ilustración e muralismo. O seu traballo abarca máis de cen murais en diferentes puntos de Galicia e noutras localidades de España e Europa, como Portugal, Alemaña e Francia.
ILUMINACIÓN ESPECIAL POLA TARDE
A programación do 8M en Monforte completouse coa iluminación en cor malva da Torre da Homenaxe, dende as 19:30 ata a medianoite. Esta acción simbólica busca sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da igualdade de xénero e a loita polos dereitos das mulleres.
O Manifesto do Concello, lido durante a concentración da mañá, subliñou a necesidade de reforzar as políticas de igualdade e a protección dos dereitos das mulleres e nenas en todos os ámbitos. A conmemoración deste ano está marcada polo lema “Dereitos, Igualdade e Apoderamento. Para todas as mulleres e nenas”, en referencia ao 30º aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, aprobada por 189 gobernos en 1995. O texto destacou a importancia de seguir traballando para erradicar a discriminación, a violencia de xénero e a desigualdade salarial, promovendo o acceso das mulleres a todos os espazos de decisón política e social.
Co acto de inauguración do mural e a iluminación da Torre da Homenaxe, Monforte sumouse unha vez máis á reivindicación do papel fundamental das mulleres na historia e na sociedade actual, lembrando o esforzo das lavandeiras do río Cabe como un símbolo de traballo, resistencia e solidariedade feminina.•