Muki lanza a súa nova creación, «Gorilas!!! Escala xogando», tras o éxito de «Cordadas: ¡a codazos pola cume!»

Muki e Alex Moro, creadores de Gorilas!!! Escala xogando. (Foto Cedida).

Por Mateo L.Veiga

Os xogos de mesa constitúen unha das actividades de entretemento máis populares da actualidade, pero sempre estiveron presentes como pasatempos nas diferentes culturas da historia. Debemos remontarnos a tempos prehistóricos para localizar os inicios dos xogos de mesa, no Oriente Medio. Co descubrimento dos complexos funerarios do territorio atopáronse restos de dados, unha forma primitiva e rudimentaria que sentou un precedente xeracional. Non obstante, foi no Antigo Exipto onde se comezou a configurar a concepción de xogo de mesa como a entendemos, grazas á introdución dos taboleiros. Durante a era dos faraóns a transcendencia dos xogos de mesa orbitaba arredor da idea de divindade, pois considerábanse obxectos sagrados ligados ao destino das persoas, que debían acompañar ás almas falecidas no seu traxecto cara á ultratumba.
Por outra banda, as dinámicas temáticas destes antecedentes estaban supeditadas ás características socioculturais de cada comunidade. En Roma cobraron unha natureza bélica, os xogos de mesa populares incorporaron a estratexia militar á mecánica de xogo como consecuencia lóxica do vasto historial militar do Imperio Romano. É dicir, a anatomía estrutural dos xogos de mesa depende en gran medida da identidade da sociedade que os deseña. Na Pobra do Brollón apareceu un bo exemplo diso na imaxinación dunha veciña do concello, Muki, que tras o éxito imprevisto do seu primeiro xogo Cordadas: ¡a codazos pola cume!, prepárase para sacar a primeira edición do seu segundo xogo de mesa, Gorilas!!! Escala xogando.
Cordadas: ¡a codazos pola cume! naceu dunha conversa distendida de amigos, dun cuestionamento sobre a ausencia de xogos de mesa sobre montañerismo. Partindo deste punto, a prolífica imaxinación de Muki comezou a fraguar a innovación, e confeccionou un xogo adaptado ás necesidades e materiais que conleva a escalada.
“Cordadas, xurdiu un día tomando un café con uns amigos antes de ir escalar. Falabamos de que non había xogos de mesa de temática montañeira e propúxenme facer un. A idea orixinal era un xogo de taboleiro con fichas, dados, cartas, etc. Pero déime conta de que cando ía á montaña eu na mochila só levaba unha baralla polo que decidín adaptar a idea só a cartas.”, comenta Muki sobre o desenvolvemento do primeiro xogo.
A continuación evidente de Cordadas é Gorilas!!! Escala xogando, que difire do seu congénere en que está feito para xogar mentres escalas. Non é un xogo de mesa, senón un xogo de cartas que acentúa a inmersión da aventura polas montañas. Aínda se atopa en proceso de edición, dispoñible en preventa ata o 18 de abril en Verkami para financiar a 1ª edición do xogo. Para a elaboración desta secuela, Muki contou coa colaboración de Álex Moro, monitor do rocódromo MoveLab de Lugo.
“Para este proxecto alieime con Álex Moro, monitor do rocódromo MoveLab de Lugo. Hai varios anos, Álex ideara un xogo para facer os adestramentos máis entretidos que se chamaba Pé-man (Pe-man), xuntos revisamos a dinámica do xogo e o deseño, Álex fixo novos debuxos e así naceu Gorilas, un xogo para xogar escalando.”, comenta Muki.
A particular conjugación de xogo e escalada provén da vontade de Muki por unir as súas dúas paixóns, co propósito de xuntar as características esenciais de ambas. Sen embargo, existe unha diverxencia radical no plantexamento dos dous xogos, vinculada de maneira consustancial á experiencia simultánea deseñada para Gorilas!!! Escala xogando:
“Gústame ir á montaña, facer alpinismo e escalada a nivel afeccionado, e tamén me gustan os xogos polo que decidín unir as dúas paixóns. Para trasladar estas actividades aos xogos, en Cordadas centreime nos diferentes materiais que se usan nestas disciplinas, así, no xogo podes ter que facer 3 tipos de actividades: alpinismo, escalada clásica ou escalada deportiva e vas ter que conseguir cartas de materiais específicos para cada unha delas.
Por outra banda, o caso de Gorilas é diferente, aínda que é un xogo de cartas, non é un xogo de mesa xa que se xoga escalando. Neste caso, para desenvolver o xogo, Álex e eu non nos centramos nos materiais que se usan na escalada, senón nos movementos que se fan ao escalar, así, cada carta representa un movemento diferente.”, reflexiona Muki sobre a converxencia entre o xogo e a escalada, e a diferenza básica entre os dous xogos.
O trasfondo de esforzo e implicación tras o desenvolvemento deste proxecto independente obtivo froitos inesperados, pero merecidos. Cordadas recibiu unha exitosa acollida polo público, con máis de 1500 copias vendidas e dúas edicións estrenadas. A previsión para Gorilas sosteuse sobre un péndulo de incerteza, por ser un xogo específico para quen practican escalada, pero Muki confía no seu carácter único para repetir a acollida xeral de Cordadas.
“Levar adiante o proxecto leva bastante traballo desde deseño e maquetación, contacto con posibles puntos de venda, márketing online, desenvolvemento da web, asistencia a feiras, etc… Todo foi un pouco de rebote, ao principio só pensaba en lanzar o xogo, pero aos poucos, vendo a acollida, decidín montar a web e contactar con tendas para que tiveran os meus xogos á venda tamén.
Cando lancei Cordadas non contaba coa acollida que tivo, ao principio a miña idea era facer unha pequena tirada, unhas 300 unidades para compensar os gastos que tivera no lanzamento. Pero, tras rematar o crowdfunding e vender na prevenda arredor de 250 unidades, decidín facer unha tirada inicial de 1.000. Tras esgotar esta primeira edición, en 2024 tiven que sacar unha 2ª edición doutras 1.000 unidades.
Agora imos ver como vai Gorilas, recoñezo que é un xogo máis específico xa que non vale para calquera afeccionado aos xogos e está orientado xa só a aqueles que escalan, pero, tamén é certo, que é un xogo único na súa especie polo que espero que teña tamén unha boa acollida.”, comenta Muki.
Sobre a posibilidade dun futuro terceiro xogo, o prototipo orixinal onde comezou todo agarda por ser materializado, pero a prudencia e a paciencia determinarán cando sairá adiante: “Nunca me quitei da cabeza o prototipo orixinal de Cordadas, do que falaba na primeira pregunta, ese que era un xogo de taboleiro. Tiña xa un prototipo feito e probado e, nalgún momento, gustaríame retomar a idea, pero iremos paso a paso.” conclúe Muki.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Entroido na Pobra do Brollón contou cun desfile cheo de cor e alegría

Seguinte Nova

Sarria acolle unha mesa redonda sobre a presenza das mulleres na seguridade pública

Últimas noticias sobre PORTADA

ENTREVISTA A SALETA FERNÁNDEZ

A atleta monfortina fai balance da súa carreira deportiva logo de retirarse Saleta Fernández fíxonos voar a todos os monfortinos a alturas
Ir aInicio

Don't Miss