O evento, organizado pola Garda Civil e a Policía Local, enmárcase nas actividades do 8M

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria foi escenario a pasada semana dunha mesa redonda organizada pola Garda Civil, coa colaboración da Policía Local, con motivo do Día Internacional da Muller. O acto contou coa presenza da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, do Alcalde, Claudio Garrido, e do equipo directivo do centro, encabezado polo seu director, José Manuel Valcarce.
Durante a súa intervención, Isabel Rodríguez destacou a importancia de visibilizar o papel das mulleres nas forzas de seguridade, enmarcando esta actividade dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos. “As profesións non teñen sexo, as mulleres podemos desempeñar calquera labor”, sinalou a subdelegada.
A mesa redonda estivo moderada pola cabo 1ª Mónica Revilla, do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Lugo, e contou coa participación de profesionais da Garda Civil e da Policía Local de Sarria. Entre as relatoras estiveron a policía local Ana María Lombao, as gardas civís Sonia Yolanda Santiso (Equipo de Investigación Tecnolóxica da Policía Xudicial de Lugo), María Sherezade Lamas (Patrulla Fiscal de Foz), Jessica Rielo (Atestados do Subsector de Tráfico de Lugo) e a policía local en prácticas Ana Timiraos.
Ao remate do encontro, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer de preto os materiais e vehículos empregados polas forzas de seguridade, grazas a unha exposición organizada no exterior do salón de actos. Dúas gardas civís, María Jesús Madueño (Puesto Auxiliar de Sober) e Beatriz Bruzos (Equipo de Violencia de Xénero de Sarria), encargáronse de explicar o uso dos distintos recursos policiais.
A subdelegada do Goberno animou aos estudantes a formarse e a traballar por unha sociedade máis xusta e igualitaria. “O respecto e a educación son fundamentais para o futuro. Tedes a chave para abrir todas as portas”, concluíu.•