Investigadores do CSIC expoñerán os avances sobre o asentamento romano e a súa importancia na explotación aurífera

Seoane do Courel acollerá os días 5 e 6 de abril unhas xornadas de divulgación arqueolóxica sobre o Monte Cido, organizadas polo Departamento de Arqueoloxía do Instituto de Historia do CSIC, o Xeoparque Montañas do Courel e o Concello de Folgoso do Courel. O evento reunirá investigadores que exporán os achados obtidos nos traballos realizados desde 2021 neste enclave estratéxico da romanización en Galicia.
Os datos recompilados confirman que o asentamento foi fundado no século I d.C. como un enclave estratéxico para o control e explotación dos recursos auríferos da zona. Logo do seu abandono, foi reocupado e transformado no século V d.C., nun contexto de reorganización social tras a desintegración do Imperio Romano.
O sábado 5 de abril, a Estación Científica da USC en Seoane do Courel será o escenario das ponencias iniciais. Brais Currás, Científico Titular do IH do CSIC, abrirá as xornadas cunha síntese dos resultados das escavacións realizadas no Monte Cido desde 2021. Seguidamente, Luis F. López González, arqueólogo e membro do Comité Científico do Xeoparque, analizará a evolución da paisaxe do Courel desde a protohistoria ata a dominación romana.
Inés Sastre, Investigadora Científica do CSIC, afondará na importancia do Pacto de hospitalidade do ano 28 d.C. atopado no Monte Cido, destacando as transformacións sociais derivadas da integración das comunidades locais baixo o dominio romano. Mercedes Fuertes Fuente, profesora do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo, analizará a minería aurífera da zona desde unha perspectiva xeoarqueolóxica. Pola súa banda, F. Javier Sánchez-Palencia, Profesor de Investigación ad honorem do CSIC, expoñerá as investigacións nas Médulas, cunha aproximación integral desde a Arqueoloxía da Paisaxe.
A xornada do día 5 pecharase cunha mesa redonda moderada por Nekbet Corpas, investigadora do CSIC, que abordará o papel do patrimonio cultural no futuro do Courel e o seu potencial para afrontar os desafíos das zonas rurais. Entre os participantes figuran Roberto Castro, presidente do Xeoparque Montañas do Courel; Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel; Roberto Pena, xefe de servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; José Manuel Blanco, da Asociación Cultural San Xoán de Seoane do Courel; e Carlos Castro, da Comunidade de Montes de Moreda.
O 6 de abril, as xornadas concluíran cunha visita ao Monte Cido, onde os asistentes poderán coñecer sobre o terreo os vestixios deste enclave romano, clave para entender a explotación aurífera e a organización territorial na antigüedade.•