
A Biblioteca Municipal de Chantada será o escenario, este venres 28 de marzo ás 18:30 horas, da presentación do poemario Lágrimas de plata, de Esteban A. Jiménez. A iniciativa forma parte da programación arredor do 8M. O autor, nado en Badalona en 1965, mudouse en 2023 a O Saviñao, onde atopa inspiración para a súa obra. Influenciado pola xeración do 98 e a literatura histórica, fai a súa primeira incursión editorial coa publicación deste libro en Círculo Rojo. Lágrimas de plata é unha obra intimista que recolle poemas baseados en vivencias persoais, abordando como o amor pode transformarse en traxedia. Segundo o autor, o libro pretende ser unha chamada á reflexión sobre a importancia de que as mulleres non se resignen ante situacións de abuso.
Durante o evento, Jiménez lerá algúns dos seus poemas e asinará exemplares da súa obra. Ademais, abrirase un espazo de diálogo co público asistente. A entrada será libre e gratuíta.•