
Foto GPDL.
O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade a relación de actuacións e proxectos que presentaron os 67 concellos da provincia para financiar a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2025. Esta ferramenta contará cun orzamento de 22 millóns de euros, aos que se suman case 3 millóns de euros achegados polas entidades locais, acadando un investimento total próximo aos 25 millóns de euros.
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, destacou que é o quinto ano consecutivo que o Plan se aproba no primeiro trimestre, o que permite aos concellos organizar con antelación as súas accións, planificar investimentos e dar resposta ás demandas veciñais de maneira áxil e eficiente. Tomé subliñou ademais que a repartición dos fondos se realiza segundo criterios obxectivos e equitativos, garantindo que todos os municipios conten con recursos para mellorar servizos e infraestruturas.
A deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, explicou que os concellos canalizan os fondos do Plan Deputación a través de diferentes programas: investimentos en obras e subministracións, Servizo de Axuda no Fogar (SAF), reforzo do emprego, actividades culturais e deportivas, promoción turística, organización de feiras e mercados, mellora da administración electrónica e protección civil.
Máis do 70% do orzamento, preto de 16,5 millóns de euros, destinarase a investimentos en 324 proxectos de obras e subministracións. A creación de emprego é o segundo destino prioritario, cun investimento de 3,6 millóns de euros que permitirá xerar 282 novos postos de traballo. Ademais, 3,3 millóns de euros irán destinados ao Servizo de Axuda no Fogar, co obxectivo de atender a unhas 2.000 persoas residentes en concellos de menos de 20.000 habitantes.
López Moreno afirmou que o Plan Deputación é un exemplo de cooperación institucional. Remarcou tamén que se trata dunha fonte de recursos esencial para o desenvolvemento e a cohesión territorial da provincia, facilitando a mellora de servizos e infraestruturas públicas en todas as comarcas.
Tamén se aprobou unha modificación orzamentaria para 2025, mediante unha transferencia e un suplemento de crédito. Esta modificación, segundo explicou a deputada, permite redistribuír partidas e incorporar máis de 10,4 millóns de euros adicionais, completando a dotación de 22 millóns para o Plan Deputación deste ano.
Ademais, o Pleno acordou a incorporación de 19 millóns de euros de remanentes ao orzamento de 2025. Destes fondos, 6 millóns destinaranse á amortización da débeda, coa finalidade de acadar a débeda cero. Os 13 millóns restantes reforzarán a cooperación cos concellos e o apoio ao tecido social e económico da provincia. Estes recursos permitirán financiar actuacións en áreas estratéxicas como estradas, cultura, mocidade, deporte, medio rural, turismo, atención cidadá e transferencias directas ás entidades locais.
CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR
Os deputados do Grupo Provincial Popular votaron a favor do Plan Deputación para 2025, a pesar de non ser o seu plan, argumentando que é mellor contar cun plan de colaboración cos concellos que non ter ningún. O voceiro popular, Antonio Ameijide, criticou que o plan recorte os fondos a 32 concellos da provincia, deixando sen cambios a só catro. O portavoz popular denunciou que, mentres algúns concellos como Lugo, Monforte, Vilalba e Viveiro ven un aumento na súa achega, a maioría dos municipios están sometidos a unha “dieta restritiva”. Para xustificar esta situación, Ameijide sinalou que o presidente da Deputación, José Tomé, decide que concellos reciben un incremento nas axudas.
Ameijide recordou que o PP propuxo un aumento de 10 millóns de euros no Plan Deputación, para chegar aos 30 millóns, pero esta proposta foi rexeitada. Tamén criticou a asignación de fondos a convenios «a dedo» cos concellos gobernados polos socialistas e nacionalistas. O PP considera que os fondos destinados aos convenios deberían ser destinados ao Plan Deputación para garantir unha distribución xusta e igualitaria entre todos os concellos.•