
A Xunta de Galicia destinará máis dun millón de euros á mellora das estradas autonómicas LU-536, LU-636 e LU-622, vías en Sarria e Láncara. O investimento permitirá renovar o firme e mellorar a seguridade viaria nunhas infraestruturas clave para o tránsito da comarca.
A portavoz do Partido Popular en Sarria, Carmen José López, analizou os detalles das actuacións previstas co xefe do servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas, Gerardo Pallares, logo de que a licitación das obras fose publicada o pasado 21 de marzo. López destacou a importancia deste investimento, que responde ás demandas trasladadas polos concelleiros do PP en reunións previas con representantes da Xunta, como o delegado en Lugo, Javier Arias, e o director territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Marco Antonio Fernández.
As intervencións inclúen o fresado localizado e a reposición da capa de rodadura na LU-536, cun orzamento superior aos 433.000 euros. Na LU-636, que inclúe o tramo urbano da rúa Diego Pazos, renovarase por completo a plataforma cun investimento superior aos 435.000 euros. Pola súa banda, na LU-622 procederase ao estendido dunha nova capa de rodadura, actuación para a que se destinarán 282.000 euros.
López subliñou que estas melloras permitirán unha circulación máis segura e cómoda, tanto no ámbito interurbano como no centro de Sarria. A renovación da LU-636 na rúa Diego Pazos, unha das arterias principais da vila, terá un impacto positivo no tráfico e na mobilidade local.
As obras, terán un prazo de execución de seis meses.•