Esta subvención dirixida aos mozos menores de 36 anos para facilitar o pagamento da renda da súa vivenda habitual cunha axuda de 250 euros concédeselle por un período de dous anos

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), leva concedidas ata o momento 424 axudas do Bono Alugueiro Mocidade. O importe total destas resolucións ascende a 2.407.388,86 euros, segundo informou o Goberno galego.
Estas axudas, dirixidas a persoas menores de 36 anos, están destinadas a facilitar o pagamento da renda da súa vivenda habitual mediante unha contía mensual de 250 euros. O período de concesión abrangue dous anos, podendo recoñecerse o dereito á axuda desde o 1 de xaneiro de 2024 sempre que o contrato de alugueiro estivese en vigor nesa data. No caso de contratos asinados con posterioridade, a axuda outorgarase desde a data de formalización do contrato e non poderá estenderse máis aló do 31 de decembro de 2026.
No primeiro día de apertura do prazo rexistráronse 3.186 solicitudes a través da sede electrónica do IGVS, e nas dúas primeiras semanas a cifra ascendía xa a 6.472.
Nesta convocatoria, o Ministerio de Vivenda asignou a Galicia preto de 11,4 millóns de euros para os anos 2025 e 2026, unha cifra que desde o Goberno galego cualifican de insuficiente. O feito de que só no primeiro día de prazo xa se presentaron máis de 3.000 peticións, o que evidencia a alta demanda e a necesidade de maior financiamento.
Os fondos estatais foron liberados en decembro de 2024, o que permitiu á Xunta lanzar esta nova convocatoria dotada de preto de 13 millóns de euros. Do total, 11,4 millóns proceden do Ministerio, cifra que representa a metade da asignación recibida en 2022. Para completar o orzamento, a Xunta incorporou 1.554.936 euros procedentes do remanente da convocatoria anterior.
A Xunta lamenta a demora na transferencia do crédito estatal, ademais da súa insuficiencia, xa que supón só 5,7 millóns de euros por exercicio, fronte aos 11,4 millóns que se destinaron en 2022.
Ademais, o Goberno galego lembra que continúa aberto o prazo para solicitar as axudas para a adquisición de vivenda. Estas inclúen tres liñas: para mozos menores de 36 anos que residan en concellos de menos de 10.000 habitantes, para a compra de vivenda en centros históricos e para a adquisición de vivenda protexida. As contías destas subvencións poden alcanzar os 20.000 euros e son compatibles co Aval Moz@, que cobre ata o 20 % do importe da hipoteca.•