
Foto RTMQ.
O pasado 22 de marzo comezou no local social de Bendilló a primeira etapa do roteiro «O Camiño de Inverno GUSTA», unha iniciativa organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel. O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, xunto ao presidente do GDR, José Manuel Arias, foron os encargados de dar o pistoletazo de saída ao evento, que ten como obxectivo promover a ruta xacobea a través da súa gastronomía e cultura.
Nesta primeira etapa, os participantes gozaron dunha cata de aceite, xestionada polo xerente da empresa local Ouro de Quiroga, quen lles explicou as características e tradicións deste produto local. O alcalde aproveitou a ocasión para convidar aos asistentes á XXV Mostra do Aceite de Quiroga, que se celebrará os días 29 e 30 de marzo.
Durante as próximas etapas do roteiro, os participantes poderán descubrir e degustar produtos típicos da zona, como aceite, viño da Ribeira Sacra, mel, queixo e repostería tradicional. O proxecto estrutúrase en seis etapas, con visitas guiadas e actividades interactivas que permitirán aos asistentes coñecer mellor a historia e as tradicións da comarca.
A iniciativa tamén inclúe un sistema de pasaporte de selos, onde os participantes que completen catro ou seis etapas recibirán diferentes incentivos, como un lote de produtos locais ou un vale canxeable nun establecemento do Camiño de Inverno. O proxecto, que se desenvolve co apoio do programa Leader, busca apoiar o desenvolvemento sostible e a dinamización do medio rural.•