
O Auditorio Municipal de Chantada acolleu a III Mesa Coloquio do 8M, organizada polo Centro de Información á Muller do Concello. O encontro contou coa participación de cinco investigadoras vencelladas á vila, que expuxeron a súa traxectoria e analizaron os desafíos da súa profesión.
Tamara González, profesora axudante doutora na Universidade da Coruña, explicou a súa investigación sobre as prácticas colectivas nas comunidades parroquiais galegas entre os séculos XVI e XIX, destacando a importancia do apoio feminino na súa carreira. Tania Vázquez García, investigadora en formación, falou do seu traballo en literatura medieval e das súas contribucións a proxectos sobre voces femininas na Idade Media.
Rosa Montes Goyanes, docente e investigadora na USC, centrou a súa intervención na análise da contaminación ambiental e o seu impacto na saúde global. Cristina Fente Sampayo, catedrática e especialista en microbiota e probióticos, detallou os avances na investigación de alimentos funcionais e os seus efectos na nutrición infantil. Pola súa banda, Paula López Pérez, doutora en Enxeñaría Biomédica, expuxo a súa experiencia en laboratorios internacionais e o seu labor na promoción da igualdade de xénero na investigación.
A concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, salientou a necesidade de que as mulleres ocupen espazos de decisión na ciencia. A programación do 8M en Chantada continúa coa exposición Coreografías do Facer, na igrexa nova, e coa Xincana pola Igualdade, que se celebrará nos colexios Xoán de Requeixo e Eloísa Rivadulla o 23 de abril.•