
Despois de seis anos de conflicto xudicial, o Tribunal Supremo inadmitiu o recurso interposto polo Concello de Monforte contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que recoñecía os dereitos laborais do profesorado do Conservatorio Profesional Mestre Ibáñez. Con esta resolución, a sentenza faise firme e establece un importante precedente legal en defensa dos traballadores dos conservatorios municipais.
Desde o BNG de Monforte exixen ao alcalde e ao seu equipo de goberno que asuman responsabilidades e rectifiquen a súa actitude. “O goberno municipal non pode seguir gobernando a base de imposicións e conflitos. Esta situación é unha nova mostra da súa ineptitude para a negociación. Urxe unha rectificación e un cambio de rumbo na forma de gobernar”, concluíu Manuel Luaces, responsable local do BNG.•