A Ribeira Sacra pon en marcha un programa piloto para abrir igrexas románicas ao público

O Consorcio de Turismo, en colaboración coa Diocese de Lugo, abre ao público unha selección de templos desde o 12 de abril até setembro. Foto EnComún.

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, en colaboración coa Diocese de Lugo, presenta un programa piloto de apertura de igrexas románicas que se estenderá desde este sábado 12 de abril ata mediados de setembro. O obxectivo é mellorar o acceso aos templos da Ribeira Sacra, unha das maiores concentracións de arte románica rural en Europa, ao tempo que se promove un turismo cultural sostible. Esta iniciativa conta coa financiación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través da Unión Europea (NEXTGENERATIONEU).
As igrexas seleccionadas para este proxecto, que abrirán as súas portas de forma semanal, son San Pedro de Bembibre (Taboada), San Xoán da Cova (Carballedo), San Miguel de Eiré e San Vicente de Pombeiro (Pantón), San Xillao de Lobios e San Vicente de Pinol (Sober), Santa María de Nogueira de Miño (Chantada) e Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao). Estas igrexas son coñecidas polas súas valiosas pinturas murais e retablos, ademais da súa impresionante arquitectura exterior.
As visitas, que deberán ser reservadas previamente, terán un prezo base de 2€ por persoa, destinado á conservación e mantemento dos templos. O programa tamén inclúe condicións de gratuidade e bonificacións para grupos, así como acceso libre para menores de 12 anos, persoas desempregadas ou residentes locais. A reserva das prazas estará dispoñible desde o luns 7 de abril.
O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra será responsable da organización das visitas, garantindo a atención aos visitantes e a coordinación coa Diocese de Lugo. A apertura das igrexas terá en conta as celebracións litúrxicas, reslixiosas e actos pastorais programados.
A iniciativa tamén inclúe normas de seguridade e uso, como a limitación de aforo a 25 persoas por igrexa e a restrición de uso de dispositivos de imaxe ou son no interior.
Con esta acción, o territorio da Ribeira Sacra continúa apostando por poñer en valor o seu rico patrimonio cultural e facilitar o acceso á súa riqueza románica sen perder de vista os principios de sostibilidade e conservación.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Mario Colomán & The Clocks Band

Seguinte Nova

Operadores turísticos de Chicago coñecen a Ribeira Sacra para promover o turismo

Últimas noticias sobre TURISMO

Ir aInicio

Don't Miss