A convocatoria, cun orzamento de preto de 100.000 euros, está dirixida a entidades sen ánimo de lucro e organismos locais que promovan proxectos con maiores de 55 anos

A Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria de axudas do programa Voluntariado Sénior, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinada a incentivar a participación activa da poboación maior de 55 anos a través de actividades de voluntariado. O Diario Oficial de Galicia publica esta semana a orde pola que se regulan as subvencións, que contan cunha dotación global de 97.600 euros. O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o vindeiro 6 de maio e deberanse tramitar exclusivamente de forma electrónica a través da sede da Administración autonómica.
A liña de axudas distribúese en dúas modalidades: 55.000 euros dirixidos a entidades privadas sen ánimo de lucro e 42.600 euros para organismos locais. Os proxectos presentados deberán contar cun máximo de 8 persoas participantes, ampliable ata 20 no caso de que as entidades solicitantes sexan agrupacións ou mancomunidades.
As contías que se poden percibir varían en función da duración e número de participantes. Así, estímase unha subvención máxima de 2.400 euros para iniciativas con 8 persoas voluntarias colaborando 3 horas diarias durante 60 días. Para os proxectos con 20 persoas nas mesmas condicións, o importe pode alcanzar os 6.000 euros.
Entre os ámbitos de actuación dos proxectos subvencionables figuran actividades vencelladas ao Camiño de Santiago, á recuperación do patrimonio cultural e etnográfico galego, á conservación do medio natural ou á promoción da igualdade de xénero. Tamén serán susceptibles de apoio aquelas iniciativas orientadas á humanización das contornas, á aplicación das TIC, á mellora dos servizos comunitarios ou á eliminación de estereotipos sobre o envellecemento, así como as que fomenten a cooperación entre xeracións.
Con esta convocatoria, a Xunta busca canalizar o coñecemento e experiencia das persoas maiores, favorecendo ao tempo o seu benestar e participación activa na sociedade a través dun modelo de voluntariado estruturado e útil para as comunidades.•