
A Xunta de Galicia abriu o prazo para solicitar as bolsas complementarias dirixidas ao alumnado galego de ensinanzas artísticas superiores que participe no programa Erasmus+ durante o curso 2024/2025. A iniciativa, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, conta cun orzamento de 40.000 euros e busca reforzar a mobilidade internacional destes estudantes en centros públicos.
As contías das bolsas varían entre os 125 e os 195 euros mensuais en función do país de destino, podendo chegar a un máximo de 1.755 euros para estadías de ata nove meses. En concreto, as axudas serán de 195 euros/mes para destinos do grupo 1 (como Francia, Italia ou Suecia), 165 euros/mes para o grupo 2 (como Portugal ou Grecia) e 125 euros/mes para o grupo 3 (como Polonia ou Turquía).
Estas bolsas súmanse ás axudas europeas xa concedidas polo programa Erasmus+ e enmárcanse no plan Galemundo, co que a Xunta promove a formación no estranxeiro de arredor de 7.000 estudantes e docentes galegos neste curso, cun investimento total de máis de 15 millóns de euros.
As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por medios electrónicos, empregando mecanismos como Chave365, ata o 30 de abril. Para optar ás axudas, os estudantes deberán estar matriculados nun centro público galego de ensinanzas artísticas superiores no curso 2024/2025 e ser beneficiarios dunha bolsa Erasmus+ de mobilidade. Quedan excluídos os que xa gozaron da axuda en convocatorias anteriores e os estudantes con nacionalidade non española que realicen a mobilidade no seu país de orixe.•