A atleta monfortina fai balance da súa carreira deportiva logo de retirarse

Saleta Fernández fíxonos voar a todos os monfortinos a alturas inimaxinables nas pistas de atletismo, pero as lesións nas costas obrigárona a abandonar prematuramente a práctica deportiva a alto nivel, e fíxoo despois de competir no último Campionato de España de pista cuberta, na que logrou un cuarto posto cun salto de 1,77 m, que mostra o seu nivel, a pesar de participar fisicamente mermada. Un bo momento para facer balance de todos estes anos e coñecer como afronta a súa nova situación.
P: Benvida, Saleta. Comecemos. Como definirías a túa traxectoria?
R: Diría que foi unha boa traxectoria, pero con certo amargor, digamos.
P: Fagamos unha retrospectiva á túa carreira. Lembremos aquel salto ao aire libre de 1,90 m co que te coroaches Campioa de España en 2019. Que recordas dese momento?
R: Recordo moita adrenalina. Si que é certo que chegaba nun momento complicado, porque na semana anterior se me reabriu unha rotura que tiña no tendón do isquio co glúteo. Entón, eu sabía como chegara ata ese momento, pero tamén sabía que chegaba con ese problema, polo que decidín infiltrarme para non ter dor para competir ben, e finalmente saíu ben, pero recordo pasar despois a peor noite da miña vida (risas).
P: Cal foi a decepción da túa carreira ou o punto de inflexión que che axudou a impulsarte e mellorar como atleta?
R: O tema do Europeo de 2020 chafoume bastante, na miña cabeza loxicamente estaba a idea de seguir mellorando, porque daquela tiña 22 anos. Logo tiven un momento complicado porque fun aos Trials da Xuventude, e as oito primeiras europeas ían a unha Olimpíada Xuvenil. Eu quedei novena por nulos, pero unha rapaza rexeitou a súa praza, polo que a praza era miña e, de feito, chamáronme para dicirme que a praza era miña, pero pasaron os meses, non me avisaban, e ao final pasou que o Comité decidira non levarme. Ese foi un punto de inflexión que me levou a querer demostrar que merecía estar, porque era a segunda internacionalidade. Ese recordo de pasalo mal tamén foi porque me colleu máis nova. O Europeo de 2020 foi pola situación da COVID-19, que calquera entende a situación pola que pasamos, mentres que o outro considéroo máis inxusto.
P: Anunciaches hai pouco a túa retirada da competición. Despois dun calvario de lesións o teu físico dixo basta, e quizais a esixencia da elite xa non era compatible coa túa vida. Como se vive o peche do ciclo dunha paixón que o supuxo todo?
R: Pois difícil, porque levaba e sigo levando dores de costas desde hai 5 anos, pero a nivel competición é complicado. Cando comezaron eran intermitentes, pero pasan a ser continuos, e empezan a non darse só nos adestramentos, senón tamén no día a día. Obviamente sempre pensas en que vai chegar un momento en que a dor acabe, pero no momento en que me dixeron que non había solución, e que a situación estaba empeorando, pois a miña cabeza fixo click. Si que é verdade que levaba anos cansa de non gozar, porque cando che doe o corpo non o gozas, e non só polo feito de non conseguir resultados, senón polo tema da dor. Entón, é complicado, porque é un querer e non poder. Por outra banda, ás veces penso que se o deixara un ano antes non tería terminado tan queimada, pero igual non sería así e acabaría igual. Hoxe en día, levo desde febreiro retirada e non o boto de menos. Si que é verdade que non é época de competición, quizais cando comecen as competicións o bote máis de menos.
P: En algún momento pásache pola cabeza un arrepentimento pola esixencia que dedicaches no atletismo, coas consecuencias físicas crónicas que che repercutiu?
R: Non, porque penso que, se non fixera atletismo, quen sería? Non só polo deporte, senón polas portas que me abriu. Actualmente teño dous traballos, e son grazas ao deporte. Se non fixera deporte, de que traballaría? Tería estudado o mesmo ou no mesmo sitio onde estudei sen o deporte? Gustoume o camiño que fixen, a pesar dos baches e contratempos, pero non me arrepinto de nada, sobre todo pola xente que coñecín grazas ao deporte, que é co que me vou quedar.
P: Creo que me acabas de responder a esta pregunta (risas). Que é o máis valioso que levas do deporte?
R: Os éxitos son momentáneos, ninguén os recorda, e un recordaos, pero non cobran tanto valor, pero as persoas que gañas no camiño si que cobran esa importancia especial.
P: Que consello lle darías a aquela nena que comezou a apaixonarse polo salto de altura?
R: Sobre todo que gozase, porque houbo moitas etapas que non gocei por estar pensando nos resultados, e arrepíntome de non ter gozado máis do proceso porque, ao final, isto acaba pronto, e no meu caso terminou antes de tempo.
P: Esa nena estaría orgullosa de ti e da persoa na que te convertiches, se falarades cara a cara hoxe da túa carreira?
R: Si, debería estalo, eu estouno. Son consciente de que á Saleta máis esixente lle tería gustado conseguir algo máis. Gustaríame estar nun Europeo absoluto? Si. Nun Mundial? Si. Nuns Xogos Olímpicos? Tamén, pero son consciente de que conseguín outras moitas cousas e que gocei moito delas.
P: O deporte remata, pero a vida segue. Cal é o seguinte paso, despois da túa retirada? Que proxectos futuros tes?
R: Sigo traballando con Joma, coa que levo tres anos. Tamén estou a traballar na Federación Galega de Atletismo, na que levo moi poucos días (risas), pero estou moi contenta.•