O actual secretario xeral e o deputado provincial competirán no proceso de primarias que decidirá o futuro da formación na provincia


O actual Secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, José Tomé, formalizou a súa candidatura este luns, ao presentar 760 avais na sede do partido en Lugo. Acompañado por Gloria Prada e Pablo Rivera Capón, destacou o respaldo recibido por parte dos militantes de todas as comarcas. “O compromiso co noso partido e cos lucenses é a base desta candidatura”, expresou Tomé, que aposta por continuidade, pero tamén por renovación e impulso na súa proposta. O dirixente socialista agradeceu “de corazón o apoio e a confianza de tantos compañeiros e compañeiras que, desde todas as comarcas, agrupacións grandes e pequenas, veteranos e novas incorporacións, quixeron avalar este proxecto común”.
Tamén Iván Castro, deputado provincial e portavoz socialista en Paradela, anunciou a súa precandidatura, destacando que o seu programa se basa en devolver a ilusión á militancia e renovar o partido. Castro presentou un proxecto para fortalecer as agrupacións locais e crear unha estrutura máis próxima e útil para os afiliados. «É o momento de abrir unha nova etapa no socialismo lucense», afirmou Castro, que aposta por unha descentralización da xestión provincial e por un PSOE máis dinámico e próximo ás xentes. Iván Castro, é un militante de 32 anos que conta cunha traxectoria vinculada ao municipalismo e a militancia de base. Nas próximas semanas, Castro establecerá un contacto directo coa militancia para presentar as súas propostas e abrir un proceso de escoita activa.•