
O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado martes, 9 de abril, a orde da Consellería do Medio Rural que regula as axudas á colleita en verde da viña e convoca as correspondentes ao ano 2025. Esta medida consiste na eliminación manual de todos os acios dunha parcela destinada á produción de uva para vinificación, reducindo a rendibilidade da mesma a cero. As fincas deberán estar en bo estado, en produción, contar con máis de 500 m² e ter sido plantadas antes das tres últimas campañas. O prazo de solicitude está aberto ata o 25 de abril a través de medios electrónicos. A resolución comunicarase antes do 30 de xuño, e os traballos deberán executarse ata o 15 de xullo. A axuda cobre parte dos custos da eliminación e da uva deixada de recoller. O Consello Regulador ofrecerá charlas informativas os días 14, 15 e 16 en Chantada, Sober e Castro Caldelas.•