
José Ángel Pérez Reñones, de Monforte, e o xove xogador do Barbanza, Fernando Agrelo revalidaron o título no Campionato de España Dobles de Pitch & Putt 2025, celebrado no Bil Bil Golf, en Arroyo de la Miel (Málaga).
A dupla galega rematou a terceira e última ronda, disputada en modalidade Copa Canadá, cunha tarxeta de 94 golpes, a mellor do día, que lles permitiu superar aos líderes provisionais, Jonah Fernandes e Gonzalo García, e alzarse co primeiro posto.
O Campionato, que contaba cunha forte presenza de equipos competitivos, empezou cunha gran igualdade tras a primeira xornada.
A primeira rolda foi disputada en modalidade Foursome, onde as parellas alternan os golpes en cada burato, e a mellor marca foi para Fernandes e García, con 51 golpes. Pérez Reñones e Agrelo quedaron a tan só un golpe de diferenza, ocupando a segunda posición, mentres que Pimentel e Cervantes compartían a terceira praza, con 53 golpes.
Na segunda rolda, baixo a modalidade Fourball, onde cada xogador xoga a súa propia bola, a parella formada por Pimentel e Cervantes destacou con 44 golpes, alcanzando o liderado, que compartían con Fernandes e García. A diferenza entre os tres primeiros clasificados no campionato foi mínima, coas parellas separadas por tan só tres golpes ao remate desta xornada.
Na última e decisiva rolda, que se xogou baixo a modalidade Copa Canadá, onde o resultado final de cada parella é a suma dos resultados de cada xogador, o monfortino Pérez Reñones e Agrelo brillaron cunha volta excelente de 94 golpes, a mellor do día, o que lles permitiu superar aos seus rivais e asegurar a súa vitoria, con 195 golpes no total. Jonah Fernandes e Gonzalo García remataron en segundo lugar con 197 golpes, mentres que o podio o completaron Chanya Huaysan e Samuel Love, con 200 golpes.
A competición contou co patrocinio de Bodegas Habla, que premiou os xogadores que realizaron un «hoyo en uno» nas dúas xornadas con botellas Magnum de viño.
Este campionato demostrou unha vez máis o alto nivel do Pitch & Putt en Galicia e a gran competitividade no panorama nacional.•