Monforte dá o pistoletazo de saída á XXI Feira Medieval co mercado temático e desfile de traxes

O Mercado para a Medieval e a presentación oficial do programa abriron os actos previos dun evento que aspira ao recoñecemento como Festa de Interese Turístico Galego. Foto MONTERO.

O venres 5 de abril celebrouse na Praza de Abastos de Monforte a inauguración do Mercado para a Medieval, unha actividade que marca o inicio dos actos previos á XXI Feira Medieval, que se desenvolverá os días 19 e 20 de abril. O alcalde, José Tomé Roca, foi o encargado de abrir oficialmente o mercado, acompañado dunha rolda de prensa previa na que presentou o programa de actividades da edición de 2025.
Durante a súa intervención, o rexedor salientou que esta é a 21ª edición ininterrompida da Feira Medieval, consolidándose como un dos eventos máis importantes da cidade. Lamentou, iso si, a falta de resposta por parte da Xunta sobre a solicitude para obter a declaración de Festa de Interese Turístico Galego, aínda que amosou confianza en que o recoñecemento chegue máis pronto que tarde.
O orzamento destinado á organización do evento ascende este ano a 108.351,99 euros, a cifra máis elevada ata o momento, o que supón un incremento do 163% respecto ao ano 2015. Esta aposta económica responde ao crecemento do evento tanto en participación como en asistencia de público.
O Mercado para a Medieval contou durante os días 5 e 6 de abril con 11 postos especializados na venda de traxes medievais feitos a man, complementos, artesanía, bixutería e decoración tanto para negocios como para fogares. A programación incluíu tamén a proxección continuada do vídeo oficial da Feira, así como o vídeo “O bo xantar”, que recolle a oferta gastronómica dos establecementos locais para a ocasión.
Un dos momentos máis esperados foi o desfile de traxes medievais, celebrado o sábado 5 de abril ás 18:30 horas. Por primeira vez, o desfile desenvolveuse ao aire libre, partindo desde a entrada do mercado ata a zona gastronómica, respondendo á elevada afluencia de público das edicións anteriores. Participaron 23 modelos, entre adultos e nenos, que presentaron un total de 92 traxes de época nun percorrido de aproximadamente unha hora de duración.
O concurso de repostería e pastelaría “A polo mellor doce” tamén tivo lugar durante o mercado. Os visitantes puideron degustar e votar as elaboracións nas categorías de doce tradicional, innovador e creativo. A entrega de premios celebrouse o domingo 6 ás 13:00 h, seguida dun sorteo entre os participantes no proceso de votación.

ACTIVIDADE PROMOCIONAL
Ademais, ao longo da fin de semana, proxectouse no recinto o novo vídeo promocional da Feira Medieval, que inclúe imaxes dos principais momentos da edición anterior, acompañadas dunha banda sonora de ton épico. Esta peza audiovisual difundirase tamén a través das redes sociais e a web municipal, e estará visible nos mupis do Cardenal e nas pantallas situadas en San Vicente e na Praza de España durante a celebración da Feira.
Na súa comparecencia ante os medios, José Tomé destacou a importancia do traballo de promoción realizado polo Concello, que inclúe insercións publicitarias en prensa e radio a nivel local, provincial e autonómico, así como o reparto de carteis pola cidade, comarca e principais núcleos urbanos galegos. Tamén se instalarán materiais promocionais durante a Feira do Viño de Sober, evento que congrega a numerosos visitantes.
O cartel oficial da edición 2025 baséase nunha imaxe real da pasada Feira Medieval, incorporando elementos representativos como a música e a estética medieval. “Queremos transmitir forza, sorpresa e autenticidade”, sinalou o alcalde, quen afirmou que “a Feira de Monforte ten entidade suficiente para promocionarse por si mesma”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

José Ángel Pérez Reñones vólveo facer, ao revalidar o Campionato de España Dobres de Pitch & Putt

Seguinte Nova

O barrio de Carude celebrou a súas festas en honor a San Lázaro

Últimas noticias sobre SOCIEDADE

Ir aInicio

Don't Miss