A XXI Feira Medieval celebrarase os días 19 e 20 de abril cunha programación ampliada que inclúe novos espectáculos, máis animación musical e un mercado con 140 postos

Monforte de Lemos converterase, un ano máis, nunha vila medieval durante a celebración da XXI Feira Medieval, que terá lugar os días 19 e 20 de abril. Este evento, xa consolidado como unha das citas culturais máis destacadas do sur de Lugo, ofrecerá máis de 100 actividades ao longo da fin de semana, con importantes novidades en canto a animación, espectáculos e participación cidadá.
O alcalde da cidade, José Tomé Roca, definiu esta edición como “a máis ambiciosa de todas as celebradas ata agora”. O mercado medieval, un dos eixos centrais do evento, contará con 140 postos: 45 dedicados á gastronomía, 32 ao comercio e 63 á artesanía. Estes foron seleccionados entre un total de 191 solicitudes recibidas, o que evidencia o interese crecente por formar parte da feira. O recinto ampliarase este ano para acoller máis expositores, estendéndose ata a Praza de San Antonio.
Entre as novidades máis destacadas está o incremento do número de grupos de animación musical, que pasarán a ser sete tanto o sábado como o domingo. Estes grupos, procedentes de diferentes puntos do país, encherán as rúas de sons medievais, acompañando aos visitantes nunha experiencia inmersiva. A ambientación completarase con máis fachos (325) e faroliños (650), que serán repartidos entre a veciñanza e os locais do Campo da Virxe para crear unha atmosfera máxica durante as noites da feira.
O programa inclúe numerosos espectáculos de rúa, entre os que destaca “O Gran Dragón”, unha proposta con música, acrobacias e lume que se poderá ver ambos días ás 20:00 h. O sábado ás 21:30 h, a rúa Luis de Góngora acollerá “LÚA”, un espectáculo aéreo de danza e música a cargo da artista Tamara Pérez. O domingo, a praza de San Antonio será escenario de “Suaren Bataila”, unha fusión de lume, pirotecnia e malabares que poñerá o broche final á xornada.
A apertura oficial terá lugar o sábado ás 12:00 h cun espectáculo de pregoeiros e a lectura do pregón, seguido dun saúda institucional e dunha salva de artillería cunha réplica de bombarda do século XIV. Ao longo do día sucederanse representacións teatrais, exhibicións de cetrería, xustas medievais e actividades infantís.
Un dos momentos máis esperados será o desfile “Errantes”, que percorrerá as rúas con personaxes fantásticos e criaturas medievais saídas das lendas. Pola súa banda, o grupo Grimorium ofrecerá un concerto de música medieval na Praza de España o sábado ás 20:45 h.
O Campamento Medieval, situado tamén na Praza de España, ofrecerá exhibicións de vida cotiá da época, mentres que o Campamento Infantil, xunto ao Convento das Nais Clarisas, acollerá obradoiros e xogos para os máis pequenos. Ademais, haberá espazos dedicados á artesanía local e á gastronomía tradicional, con produtos típicos e propostas para todos os gustos.
O domingo ás 19:00 h celebrarase a entrega de premios dos concursos de traxes medievais, decoración de balcóns e escaparates. O acto será presentado dende un estrado construído pola Asociación de Artesáns de Monforte, entidade que tamén participa activamente na ambientación das rúas, coa elaboración de pendóns e outros elementos decorativos.
O Concello aposta por unha promoción intensa da feira en medios locais, provinciais e autonómicos, con insercións publicitarias, reparto de carteis e presenza en redes sociais, ademais, o novo vídeo promocional estará nos mupis da cidade e nas pantallas dixitais de San Vicente e da Praza de España.
Con esta programación, Monforte continúa traballando para que a Feira Medieval sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico Galego.•