
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, reuniuse este xoves cos cinco consellos reguladores vitivinícolas de Galicia para avanzar na organización dunha acción de promoción extraordinaria en Bruxelas. Esta iniciativa, froito da colaboración coa Consellería do Medio Rural, busca visibilizar na Eurocámara a calidade dos viños galegos e a situación actual do sector, con proxección ao conxunto da Unión Europea.
Durante a xuntanza tamén se abordaron cuestións como os efectos dos aranceis de Estados Unidos ou a caída do consumo de viño tinto. Alemparte reiterou o apoio da Xunta ao sector a través de medidas de fomento da produción, reconversión do viñedo, impulso á calidade e promoción en distintos mercados.•



