
O Grupo Municipal do PP de Sarria rexistrou unha proposta que presentará no vindeiro Pleno municipañ para demandar ao equipo de goberno que tome novas medidas de axilización e eficiencia nos trámites administrativos. Segundo explican, os populares, reciben queixas frecuentes da veciñanza por atrasos en expedientes como licenzas ou vados, así como pola esixencia de documentación xa en poder do propio Concello, o que supón duplicidades e taxas adicionais.
A iniciativa propón simplificar procesos, evitar atrancos e garantir tempos razoables de resposta. En concreto, instan ao goberno local a facer un diagnóstico dos procedementos máis lentos, identificar bloqueos, evitar pedir documentos xa existentes e eliminar custes derivados de achegas reiteradas.
Tamén reclaman que se informe periodicamente á corporación sobre os avances e melloras logradas. O PP subliña que a eficiencia nos servizos públicos debe ser unha prioridade para o goberno local.•