
O DOGA vén de publicar as convocatorias dos programas Foexga e Galicia Exporta Organismos Intermedios, cun orzamento conxunto de 3,9 millóns de euros. Ambos os dous instrumentos teñen como obxectivo fomentar a presenza das empresas galegas no mercado internacional a través de accións directas de promoción exterior.
O programa Foexga, cunha dotación de 2,4 millóns de euros e desenvolvido en colaboración coas cámaras de comercio, prevé a organización de máis de cen misións empresariais a países estranxeiros. Espérase a participación de arredor de 400 pemes en destinos como Xapón, China, India, Alemaña, Estados Unidos, Brasil, México ou Emiratos Árabes, entre outros. En total, identifícanse máis de 90 mercados prioritarios, aínda que tamén se poderán incluír outros sempre que se xustifique a súa idoneidade. As axudas cubrirán o 70 % dos gastos directos e ata un 7 % dos indirectos, en réxime de concorrencia non competitiva.
Pola súa parte, a convocatoria Galicia Exporta Organismos Intermedios, dotada con 1,5 millóns de euros, busca promover accións conxuntas de internacionalización impulsadas por agrupacións empresariais. Esta liña permitirá desenvolver ata 200 accións en máis de 40 países, nas que poderán participar ata 180 pemes. A contía máxima por proxecto poderá chegar aos 400.000 euros.
Desde 2014, ambas as dúas liñas permitiron a organización de máis de 500 misións e a implicación de 1.200 empresas en accións conxuntas de proxección exterior.•