Sanidade defende no Parlamento a calidade do servizo de hospitalización a domicilio en Monforte

O xerente do Sergas sinala que esta atención permite ofrecer unha asistencia segura e eficiente fóra do hospital, cun total de 230 altas en 2023 no distrito monfortino. Foto GPXG.

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, asegurou esta semana que a hospitalización a domicilio é unha das liñas estratéxicas da sanidade pública galega pola súa capacidade para ofrecer unha atención hospitalaria experta, segura e eficiente no ámbito do fogar. Así o manifestou durante a súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, na que respondeu a unha pregunta relativa ao funcionamento deste servizo no Hospital de Monforte.
Parada destacou que o centro monfortino conta cun “magnífico servizo de HADO”, integrado por un facultativo e tres profesionais de enfermaría, que presta atención continuada de luns a domingo, tanto en horario de mañá como de tarde, ao conxunto do distrito sanitario. Segundo os datos achegados polo xerente, durante o ano 2023 rexistráronse un total de 230 altas no marco deste dispositivo, cunha estadía media de 11 días. En canto ao número de visitas a domicilios, foron 2.211 en total: 676 con participación de médico e enfermeira, 1.440 a cargo exclusivamente de enfermaría e 95 realizadas só polo facultativo.
A estrutura do servizo de hospitalización a domicilio en Monforte depende funcionalmente do servizo de medicina interna do hospital comarcal, co obxectivo de garantir unha correcta organización asistencial. Esta integración permite identificar os pacientes susceptibles deste tipo de atención dende o propio servizo ou mediante interconsultas con outras unidades, asegurando unha transición fluída entre dispositivos segundo as necesidades clínicas de cada doente.
Durante a súa comparecencia, José Ramón Parada detallou as vantaxes que ofrece esta modalidade asistencial, entre as que citou unha maior satisfacción e implicación dos pacientes e das súas familias, unha evolución máis favorable das enfermidades tratadas, unha mellor humanización da atención e a redución do risco de infeccións hospitalarias.
O xerente tamén fixo referencia ás actuacións desenvolvidas para fortalecer o papel dos hospitais comarcais dentro da rede pública galega. No caso de Monforte, indicou que nos últimos anos se ampliou a carteira de servizos con novas prestacións nos ámbitos da oncoloxía, cardioloxía, dixestivo ou alergoloxía, entre outros, permitindo que máis pacientes poidan ser atendidos sen ter que desprazarse a Lugo.
No capítulo de recursos humanos, Parada indicou que actualmente se ofertan doce prazas para o distrito sanitario de Monforte, incrementouse o cadro de enfermaría e os orzamentos deste ano inclúen a dotación de 25 novas prazas para o hospital. Ademais, o Sergas mantén medidas de incentivación para favorecer a cobertura destes postos, como a maior puntuación da experiencia profesional adquirida en centros comarcais, que computa o triplo en procesos selectivos.
En canto aos investimentos, o xerente salientou que a Xunta prevé acometer unha remodelación integral do Hospital de Monforte, cunha actuación sobre máis de 11.000 metros cadrados nas áreas de hospitalización e consultas externas e un investimento próximo aos 30 millóns de euros. Esta intervención completarase co Plan Director que se licitará ao longo deste ano, segundo indicou Parada, co obxectivo de modernizar e ampliar a capacidade do centro.
Parada recalcou o compromiso da Consellería de Sanidade coa calidade asistencial na área de Monforte, tanto a través dos servizos que se prestan como dos recursos humanos e materiais dispoñibles.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Ruta do viño da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

O PP destaca os investimentos da Xunta no Hospital de Monforte

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss