O evento puxo o foco na educación, a conciencia crítica e o combate ao machismo dixital como claves para avanzar cara á igualdade efectiva

O Pazo de San Marcos acolleu a segunda edición das xornadas Feministas = Igualdade, organizadas pola área de Muller e Igualdade da Deputación de Lugo como peche á programación polo Día Internacional da Muller. O evento reuniu representantes institucionais, activistas e creadoras, cunha destacada participación da mocidade da provincia.
O presidente da Deputación, de Lugo José Tomé Roca, inaugurou o encontro salientando a importancia da educación e da conciencia crítica para acadar unha igualdade real. Tomé Roca definiu o feminismo como unha loita integradora e subliñou que a igualdade é unha prioridade nas políticas do Goberno provincial.
Durante a xornada sucedéronse relatorios de figuras recoñecidas. As Towanda Rebels alertaron sobre o impacto da desinformación dixital e os discursos machistas nas redes sociais. O colectivo PRISMA, con Cristina Louzán e Priscila Retamozo, abordou o machismo estrutural e propuxo vías de acción transformadora. A actriz Jazmín Abuín pechou a sesión cun monólogo crítico e humorístico sobre os estereotipos de xénero.
A deputada Marisol Morandeira clausurou o acto destacando a participación interxeracional e reafirmando o compromiso da Deputación de Lugo coa igualdade efectiva a través de políticas transversais e accións formativas•