
A Ribeira Sacra volve ser un dos destinos máis demandados no programa Coñece a túa provincia, promovido pola Deputación de Lugo. Esta semana, 184 veciños e veciñas de sete concellos están a participar nas diferentes rutas organizadas, das cales varias teñen como destino os principais atractivos desta comarca.
O martes iniciaron o percorrido dous grupos: a Asociación Os Malugreiros, de Baralla, e a Coral Polifónica de Abadín, que escolleron visitar o Museo do Ferrocarril, o Pazo de Tor, San Vicente do Pino e o Centro do Viño. O mércores, os participantes de Castro de Rei coñecerán o convento de Ferreira de Pantón, a igrexa de Eiré, Os Peares e unha adega. O venres, os veciños de Barreiros achegaranse ata Sober e Monforte para desfrutar do miradoiro sobre o Canón do Sil, unha igrexa románica e unha ruta en catamarán polo río Sil.
O programa ofrece transporte, visitas guiadas, xantar e entradas gratuítas, promovendo o coñecemento do patrimonio natural e cultural da provincia entre a poboación.•