
O pasado 13 de abril deu comezo a terceira edición do «Camiño Creativo de Santiago 2025», un proxecto artístico que percorre o Camiño de Inverno entre Monforte e Santiago. Un total de 133,4 quilómetros e 10 días de viaxe, onde un grupo de artistas de toda España recollerán no seu caderno de viaxe a paisaxe e os lugares máis emblemáticos deste singular itinerario xacobeo. A iniciativa, que se enmarca na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, busca fusionar a creatividade coa beleza natural da zona.
O programa deu inicio en Monforte de Lemos, onde os artistas foron recibidos pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e tiveron a oportunidade de retratar algúns dos espazos máis representativos da cidade. Pola tarde, os participantes desceron ata Gundivós, onde Modesto Trigo, pintor e mestre, ofrecéulles unha masterclass na súa Casa-Museo Genia Trigo. A xornada rematou cunha demostración de cerámica a cargo do artesano Elías González na Escola-Taller de Gundivós, onde os artistas puideron coñecer de primeira man a tradición artesanal da zona.
O «Camiño Creativo de Santiago» tamén inclúe un programa de formación e mentoría dirixido a emprendedores creativos, que desenvolverán os seus proxectos mentres percorren o Camiño de Inverno. A iniciativa, que conta co patrocinio de Red Eléctrica, busca impulsar o emprendemento e fomentar a vinculación entre as industrias culturais e creativas e o desenvolvemento territorial. A súa celebración en Galicia, con especial atención á Ribeira Sacra, reforza o compromiso coa cultura local e co medio ambiente.
O evento tamén contará cun encontro nacional de emprendedores creativos en xuño de 2025, que se celebrará entre Monforte de Lemos e Sober, cun enfoque na creación de ecosistemas sostibles e no apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial.•